Ferrol: recepción oficial a os gañadores do Premio José Couso á Liberdade de Prensa

Rey Varela_gañadores premio José Couso

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu no Pazo Municipal a recepción oficial aos gañadores da décima edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, o Club de Prensa Ferrol e a Obra Social La Caixa. Ricardo García Vilanova e Javier Espinosa, que xunto a Marc Marginedas –que non puido asistir ao acto- asinaron no Libro de Ouro da cidade e deron a súa visión sobre o papel dos informadores e a situación do xornalismo en xeral, sen querer referirse á experiencia do seu secuestro en Siria en setembro do ano pasado e do que foron liberados hai unhas semanas.

Na súa intervención, Rey Varela reiterou a súa satisfacción polo feito de que Ferrol exerza una ano máis de anfitrión do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, e manifestou o seu desexo de que “a cidade sexa a sede permanente deste certame, para o que os seus organizadores sempre contarán co meu apoio e co do conxunto da corporación municipal”, dixo. O rexedor ferrolá censurou as represalias que sofren os informadores por intentar facer o seu traballo en moitas partes do mundo, lamentando que no que levamos de ano foron asasinados 20 informadores e hai máis de 340 encarcerados, segundo datos de Reporteros Sin Fronteras.

«BERRO CONTRA A IMPUNIDADE»

Neste sentido, o primeiro edil da cidade referiuse ao contido reivindicativo que para os profesionais dos medios de comunicación e cidadáns ten a xornada de hoxe, ao tempo que destacou que este premio “é tamén unha chamada á memoria e un berro contra a impunidade” posto que serve para recordar ao cámara ferrolán José Couso, falecido o 8 de abril de 2003 no Hotel Palestina de Bagdad mentres cubría a guerra de Iraq. “Como alcalde de Ferrol quero apoiar aos familiares de José Couso no seu anhelo de que se esclarezcan dunha vez por todas as causas que rodearon esta morte e que se faga xustiza”, manifestou Rey Varela quen se referiu ao forte vínculo que familiares de Couso manteñen con Ferrol. “Unha vinculación da familia de José Couso con Ferrol que nos obriga a sumarnos dende o Concello á demanda de xustiza para o cámara ferrolán”.

Por último, o alcalde defendeu que a liberdade de información “é máis que un dereito constitucional, é unha necesidade para que os cidadáns poidan participar na vida democrática, e para elo é de vital importancia a independencia e liberdade dos medios de comunicación; e a existencia de profesionais éticos no desenvolvemento da súa actividade”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar