Cultura destaca o valor do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

Campo Lameiro_arte rupestre

Máis información na web paar.es

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou o valor da nova exposición do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) para establecer vencellos de recoñecemento “a través das afinidades profundas que xorden entre os pobos”. “En Campo Lameiro imos ter a oportunidade de descubrirmos a pegada humana nos seus inicios; case o punto de partida onde a nosa especie comeza a amosar a súa capacidade para lles descubrir propiedades complexas aos materiais que fornece a natureza, e especialmente para plasmar na materia a súa capacidade de abstracción e o seu potencial como portador da produción artística” dixo.

‘Viaxe planetaria’, que abre hoxe as súas portas no PAAR, percorre a arte rupestre que forma parte da Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO nos 5 continentes; e está organizada polo Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira e polo concello de Santillana del Mar. A mostra chega a Campo Lameiro no marco das xornadas ‘Investigar, experimentar, divulgar: unha estratexia para acercar a Arqueoloxía a todos os públicos’, que se están a celebrar no parque no contexto do proxecto ‘GESTART. Artistic Gestures revisiting European Artistic diversity and convergence’, financiado pola Unión Europea a través do Programa Cultura.

 

 

Campo Lameiro_como chegar

O obxectivo do encontro, no que participan arqueólogos, artesáns, químicos, restauradores-conservadores, antropólogos e estudantes destas disciplinas; é establecer un diálogo interdisciplinar en torno á produción e uso de obxectos desde o Neolítico ata o presente, como fórmula para mellorar a nosa comprensión dos procesos sociais e tecnolóxicos implicados na elaboración dos mesmos e transmitilos á cidadanía.

As xornadas contan coa participación de expertos da Deputación de Pontevedra, do Museu de Arte Pre-histórica e do Instituto Terra e Memoria de Maçao (Portugal), da Consejería de Cultura da Junta de Extremadura, da Universidade de Santiago de Compostela, do Ecomuseo Forno do Forte (Buño) e da Fundación Terra Termarum (Cuntis); así como investigadores do Welsh Rock Art Organization (Gales) e o propio director do PAAR, José Manuel Rey García.

Ademais destes relatorios, e co fin de implicar tamén no encontro aos visitantes do Parque Arqueolóxico, o sábado 3 de maio celebraranse actividades abertas á participación de todos os públicos nas que se reproducirán diversos procesos tecnolóxicos que formaron parte do día a día das comunidades do Neolítico e da Idade de Bronce no noroeste peninsular, tales como obradoiros de lume, de cerámica, ou de cociña prehistórica, entre outros. Pódese atopar máis información sobre as xornadas e sobre o horario do PAAR na web http://paar.es/ .

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar