A industria conserveira oriéntase cara ao I-D

Feijóo_Arias Cañete_Anfaco_2

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a industria conserveira galega ten na I+D+i a resposta para facer fronte aos novos retos. Segundo salientou, as exixencias do mercado impoñen ao sector transformador da pesca a necesidade de diferenciar e optimizar a calidade dos seus produtos e, a I+D+i, dixo, preséntase como a solución ás demandas crecentes da industria mariña e alimentaria.

No acto de entrega das Medallas de Anfaco-Cecopesca, o titular do Goberno galego apuntou que no pasado ano 2013 Galicia produciu máis de 290.000 toneladas de preparados, conservas e semiconservas de peixes e mariscos, por un valor de case 1.300 millóns de euros. Exportou, fundamentalmente a Europa, máis de 115.000 toneladas, cun beneficio superior aos 500 millóns de euros.

 

Feijóo indicou que este sector representa actualmente en Galicia case o 3% do PIB, máis do 6% do emprego industrial, e que xera 12.750 postos de traballo directos, dos 15.000 que achega en toda España. Ademais, sinalou que Galicia é a principal produtora de conservas de peixe e marisco de todo o país, posto que xera o 86% do volume total de todo o Estado.

INFRAESTRUCTURA TECNOLÓXICA PUNTEIRA

O presidente da Xunta asegurou que o sector da transformación e comercialización dos produtos pesqueiros, da man de Anfaco, soubo dotarse de infraestrutura punteira para abordar o desafío da innovación. Nese cometido, manifestou que o brazo tecnolóxico desta organización, o Centro Nacional Técnico de Conservación e Produtos da Pesca (Cecopesca), está a facer da industria mariña en Galicia un terreo fecundo para o desenvolvemento de proxectos de innovación científico-tecnolóxica de vangarda. E, ao respecto, afirmou que o seu futuro Centro de Tecnoloxías Avanzadas redobrará a súa capacidade científica e o valor engadido da nosa industria pesqueira.

 

Feijóo_Arias Cañete_Anfaco_3

Na súa intervención, Feijóo referiuse ao labor que a Xunta vén desenvolvendo de forma conxunta co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para dar resposta ás diversas demandas do sector. Así, mencionou o traballo que están a realizar para velar por que a CE siga facendo súas as preocupacións sobre o acordo de libre comercio con Tailandia. Para verificar que Tailandia e terceiros países que exportan á UE respecten os convenios internacionais sobre dereitos humanos e laborais. Tamén, para evitar que Papúa-Nova Guinea incumpra as disposicións en materia de pesca ilegal non regulada e non documentada. E, por último, para que se avalíe a entrada de Filipinas no Sistema de Preferencias Xeralizado Plus, para o que é preciso atopar unha solución antes do 2015, apuntou.

Feijóo lembrou que este traballo conxunto ten acadado logros como a consecución dun continxente de lombos de atún a un arancel privilexiado, ou que a nova PCP asegure un nivel homoxéneo para todos os produtos comercializados na UE en termos ambientais, laborais e hixiénico-sanitarios.

 

COMPROMISO EMPRESARIAL

O presidente da Xunta recoñeceu o empuxe de Anfaco, onde pervive, dixo, o espírito de unidade que robusteceu esta senlleira industria galega, e afirmou que as súas medallas nos achegan aos nomes propios de quen contribuíu e contribúe co seu traballo a construír o futuro deste sector. Nesta edición, na que lle son outorgadas ao secretario de Estado de Comercio, Jaime García Legaz, ao secretario xeral de Pesca, Carlos Domínguez, e a catro traballadoras, destacou que premian a implicación da Administración central co sector galego da conserva, e o papel que nel desempeñan as mulleres, posto que ocupan un 79% dos postos de traballo nesta industria.

Finalmente, Feijóo considerou que o sector transformador da pesca en Galicia conta con valiosos activos que o converteron en marca internacional, e que nin o máis difícil dos escenarios puxo en dúbida a súa viabilidade. Por iso, apelou á cultura pioneira e innovadora na que se forxou, e ao máis férreo compromiso empresarial para seguir escribindo o seu futuro.

 

Feijóo_Arias Cañete_Anfaco_1

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar