300 gaiteiros hoxe en Ribadavia, no IV Encontro de Bandas

Encontro de Bandas de Gaitas_presentación Ribadavia_Foxo

320 gaiteiros e cantareiras daranse cita hoxe no «IV Encontro de bandas de Gaitas», que organiza e coordina a Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense xunto co Concello de Ribadavia, e que terá lugar en Ribadavia coincidindo co inicio da Feira do Viño do Ribeiro.

Esta cita «coa tradición, coa etnografía e coa música do instrumento senlleiro de Galicia», como o cualificou Xosé Lois Foxo, director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda, xuntará a 12 agrupacións de gaiteiros e cantareiras, o que xunto á homenaxe que se lle tributará o mestre Manuel Vázquez Gregorio, exdirector da Banda «La Lira», «amosa o pulo que se merecen as nosas tradicións e a nosa música, algo que temos a obriga de protexer, conservar e potenciar», afirmou o asesor de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández, no acto de presentación do evento, que tivo lugar no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», destacando asemade a colaboración da institución provincial coa Feira do Viño do Ribeiro, «un evento que reflicte o mellor das nosas terras do Ribeiro, cuxo viño é o un dos buques insignia da provincia de Ourense, xunto coas demais denominacións de orixe, no que atinxe o ámbito vitivinícola».

Foxo destacou a gran acollida que este evento está a ter en Ribadavia, «pois o Ribeiro sempre foi un contexto afín á gaita, proba diso é a primeira representación iconográfica que existe deste instrumento: o anxo gaiteiro, que está na igrexa de Santo Domingo, escultura emblemática que data do século XIV, e tamén o feito de que o Ribeiro é berce do gaiteiro de Ventosela, personaxe emblemático e que forma parte dese corpus cultural do mundo da gaita asociado o Ribeiro».

No acto participou tamén o concelleiro de Cultura do Concello de Ribadavia, José Prieto, quen agradeceu á Deputación de Ourense o apoio amosado á Feira do viño do Ribeiro e a Xosé Lois Foxo o seu traballo a prol do encontro de bandas de gaitas. «O programa deste ano da Feira do Viño do Ribeiro é amplo e extenso –afirmou-, e terá o seu comezo esta tarde ás 19.30 horas nun acto que contará coa participación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense quen tocará dende as murallas do Castelo de Ribadavia». Prieto destacou a programación de obradoiros gastronómicos, actividades para nenos e tamén a presenza de bloggers que contribuirán a difundir e promocionar a Feira do Viño nas redes sociais.

O IV Encontro de Bandas de Gaitas comezará hoxe ás 11.00 horas cun desfile entre o Instituto de ensino secundario de Ribadavia ata a Praza Maior. As bandas participantes son: A Tarazana, A Carballeira, Preparatorio, Flariz, Virxe do Portal de Ribadavia, Real Banda Xuvenil, as dos concellos de Xunqueira de Ambía, Riós, Bande e Vilariño de Conso, e como invitada a banda de gaitas Devandoira de Lugo, que conta con 60 integrantes.

Xosé Lois Foxo subliñou que este encontro non é competitivo senón «instrutivo e didáctico», e, desta maneira, ás agrupacións participantes entregaráselles un diploma acreditativo e un informe sobre a súa actuación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar