Louzán aposta pola diversificación turística da comarca do Salnés

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, visitou este mediodía as obras de mellores da capela de Cabeza de Boi, na ruta da Armenteira, coas que colabora a Administración Provincial.
As obras consisten na rehabilitación integral do tellado da capela, así como nalgunhas melloras no interior, que están a piques de concluír.
Louzán, que estivo acompañado polo alcalde de Meis e tamén deputado provincia, José Luis Pérez Estévez, anunciou que a Deputación está a estudar tamén a rehabilitación da capela de San Antón, co obxectivo de “completar a rehabilitación de todo o patrimonio” da ruta da Armenteira, poñendo así en valor uns elementos do patrimonio artístico e cultural de gran valor e que poden supoñer unha alternativa ao turismo de sol e praia.
Nesta liña, Louzán asegurou que as Rías Baixas son moito máis que ese modo tradicional de turismo, e teñen unha ampla riqueza que ofrecer no interior dos concellos, como é o seu patrimonio.
Por iso, a Deputación está plenamente implicada na promoción da diversificación turística, abrindo as portas ao turismo cultural e activo, con medidas como a recuperación e posta en valor do patrimonio, a creación de rutas de sendeirismo ou a posta en marcha das Pousadas do Salnés, unha firme aposta polo turismo accesible.
Neste sentido, Louzán anunciou que proximamente se adxudicarán os traballos de humanización do contorno da pousada de Armenteira, co que se rematará por completo este ambicioso proxecto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar