A Coruña: O Centro Dramático Galego representa «Longa viaxe cara á noite»

Longa viaxe cara á Noite_Centro Dramático Galego

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa desenvolvendo a xira do espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) ‘Longa viaxe cara á noite’, versión galega do célebre drama autobiográfico do norteamericano Eugene O’Neill, que se representa este sábado día 3 de maio, ás 20.30 horas, no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Manuel Guede Oliva dirixe os actores Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán na súa interpretación dos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións persoais e os vicios, na que se atopan moitos trazos autobiográficos dos propios O’Neill.

Esta primeira produción do ano en que o Centro Dramático Galego está a conmemorar o seu trixésimo aniversario supón, ademais, a incorporación da literatura dramática estadounidense ao variado e extenso repertorio da compañía institucional galega, con máis de 75 montaxes realizadas desde a súa fundación en 1984. Nesta ocasión, leva a escena a que está considerada como a obra cumio na prolífica produción literaria de O’Neill, premio Nobel de Literatura e –segundo numerosos estudos– pai fundador do teatro norteamericano moderno do que son debedores nomes como Tennessee Williams, Arthur Miller ou David Mamet, entre outros.

Representación Centro Dramático Galego

 

AMPLA XIRA

Estreada o pasado 22 de marzo no Salón Teatro de Santiago, ‘Longa viaxe cara á noite’ atópase inmersa nunha ampla xira por diferentes espazos de Galicia e Portugal na que se combinan funcións para público xeral e pases específicos matinais dirixidos a alumnos de bacharelato.

Así, tras a súa función na Coruña e despois de ser representada tamén en Compostela, Braga, Pontevedra, Barcelos, Narón e A Estrada, o espectáculo visitará Rianxo (Auditorio Municipal, 10 de maio ás 20.30 h), Ourense (Teatro Principal, 17 de maio ás 20.30 h, día 18 ás 19.00 h e luns 19 ás 11.00 en función escolar), Vigo (Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia, 22 e 23 de maio ás 20.30 h) e Tui (Teatro Municipal, 27 de maio ás 11.00 h). A distribución rematará no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras o 30 de maio.

SINOPSE

‘Longa viaxe cara á noite’ é a crónica dun día na vida dos Tyrone, transposición dramática dos propios O’Neill a través da que o autor estadounidense volve a vista cara á súa intensa e dolorosa xuventude, espertando os monstros que o atormentan. Cun pasado abafante, un presente en destrución e un futuro imposible, os catro membros da familia protagonista deixan caer as máscaras para deixarnos entrever as frustracións, as adiccións e o desarraigo que determinan o seu destino: James, un actor de éxito que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción que non é quen de deixar atrás; Jamie, o fillo maior, alcohólico, cínico e descrido; e Edmund, o alter ego do escritor, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.

Seguindo moitas das indicacións que o propio dramaturgo engadiu ao seu texto, a escenografía de Rodrigo Roel, a iluminación de Juanjo Amado e o espazo sonoro de Guillermo Vázquez subliñan a degradación familiar. Así, a medida que o día avanza, a néboa e o incesante son dunha serea envolven a residencia de verán dos Tyrone, que comeza entón a se tornar nun espazo tan asfixiante e agretado como as vidas dos que a habitan. Imma António Souto como axudante de dirección, María Negreira a cargo do vestiario e Fran Veiga na produción completan o equipo artístico desta produción.

Aclamada pola crítica e considerada a obra máis completa de O’Neill, ‘Long Day’s Journey into Night’ foi recoñecida co Premio Pulitzer a título póstumo ¬–o cuarto concedido a unha das súas obras¬– tras ser publicada poucos anos despois da morte do autor, a pesar de que este deixara instrucións de que as súas pezas inéditas non deberían ver a luz ata 25 anos despois do seu pasamento.

VENDA DE ENTRADAS

As entradas para a representación deste sábado na Coruña poden adquirise de xeito anticipado na web servinova.com, no teléfono 902 504 500 ou na billeteira central da praza de Ourense, que está aberta ao público de luns a venres (agás festivos) de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas. No despacho de billetes do Teatro Rosalía, estarán dispoñibles o día da función de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas.

Máis información en: www.longaviaxecaraanoite.wordpress.com

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar