Estamos no bo camiño

Perfílase un horizonte prometedor. Xa sei que algúns persistirán en otear un panorama diferente, algo máis escuro, pero, mantendo a necesaria cautela que sempre é pertinente nestas circunstancias, as noticias, pese a quen lle pese, son boas. Por que non alegrarse cando a realidade o permiten? Eu coido que podemos amosar certo grao de ledicia porque, por terceiro trimestre consecutivo, o Producto Interior Bruto do noso país foi positivo. Neste primeiro do 2014 a medra é dun 0,4 por cento: o mellor dato dende 2008. O incremento do consumo privado e o investimento empresarial; o repunte da inversión pública e o xa habitual comportamento positivo do sector exterior contribuíron a elo.

O que está claro é que a tendencia é claramente alcista: 0,1; 0,2 e agora un 0,4, tras nove trimestres negativos. Antes de que se dera a coñecer este dato, o ministro de Economía e Competitividade axitara xa un chisco o optimismo ó adiantar que a previsión para este ano (e tamén para o vindeiro) sitúa o crecemento neto nun promedio de 1,5 puntos.

Luis de Guindos engadiu outro apunte, igual ou máis importante se cabe: a xeración de emprego neto durante este mesmo período; unhas previsións que comparte o Banco de España, que, coma o ministro, tamén considera, no contexto actual, moi remoto o risco de deflación. Un tropezo ó que sempre que poden fan alusión algúns, os de sempre, non moi ben intencionados, por aquilo de poñerlle paus á roda en vez de empurrar, que de todo hai.

Outra boa desta semana foi a rebaixa nunhas décimas da taxa de desemprego por mor da actualización da EPA ó censo de poboación. O paro segue a ser elevadísimo, un 25,7 por cento, pero este cambio estadístico fixo “aflorar” arredor de 377.000 empregos. A maiores, o Tesouro Público ven de colocar máis de 5.500 millóns de euros co interese máis baixo da historia, nun intre no que a prima de risco tamén se atopa en mínimos históricos. Claro que todo podería ir moito mellor, é o desexo que temos todos pero o caso é que, tendo presente de onde vimos, non vai nada mal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar