Preocupación pola suba de nivel do rio Cerves, en Ribadavia, para aproveitamente hidroeléctrico

PP Ribadavia_rio Cerves_encoro sobreproducción

Tras conversas e reunións mantidas polo voceiro municipal do PP de Ribadavia, César Fernández, e o parlamentario popular, Moisés Blanco, o grupo parlamentario do PP de Galicia presentou para o seu debate no Parlamento galego, unha proposición non de lei na que se solicita á Xunta de Galicia extremar o rigor e a precaución na análise das posibles consecuencias que, sobre o caudal ecolóxico do río Cerves e sobre as augas termais de Chan de Baños en Prexigueiro, puidera ter un aumento do aproveitamento hidroeléctrico no caudal do río Cerves.

Con esta iniciativa o grupo parlamentario popular, a instancias do grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia, pretende trasladar ao Parlamento de Galicia a preocupación dos veciños e veciñas de Prexigueiro e de todo o Concello de Ribadavia, respecto deste proxecto de aumento do aproveitamento hidroeléctrico do río Cerves.

Cómpre salientar que a propia corporación municipal no pleno do mes de xaneiro en Ribadavia manifestou, de xeito unánime, a súa oposición a esta nova concesión de aproveitamento hidroeléctrico que se pretende levar a cabo no río Cerves.

UN PRONUNCIAMENTO

Con esta proposición non de lei o grupo parlamentario popular solicitará o pronunciamento do Parlamento para instar á Xunta de Galicia a que nos informes que poida emitir en relación coas consecuencias ambientais da autorización proposta para o aumento de caudal no aproveitamento do río Cerves  que está a tramitar a Administración do Estado, a través da Confederación Hidrográfica Miño Sil, extreme o rigor nas súas análises e avalíe de forma especial o caudal ecolóxico resultante e as posibles afeccións que puideran derivarse para as augas termais no contorno do Chan de Baños, en Prexigueiro, no concello de Ribadavia.

Así mesmo, con esta proposición non de lei, tamén se insta á Xunta  a que, no caso de apreciar posibles afeccións tanto ao caudal ecolóxico coma as surxencias termais de Chan de Baños en Prexigueiro, se dirixa ao Ministerio competente para informar desa circunstancia e da necesidade de proceder á súa consideración antes de que a Confederación resolva sobre a citada autorización.

A presentación desta proposición non de lei foi anunciada en rolda de prensa polo voceiro municipal do PP de Ribadavia, César Fernández, unha rolda de prensa na que estivo acompañado por concelleiros do grupo municipal do PP de Ribadavia e polos parlamentarios autonómicos Cristina Romero Fernández e Moisés Blanco Paradelo, así como a alcaldesa de Melón, Cristina Francisco, que en xaneiro deste ano tamén presentou unha alegación na que esixía o máximo rigor e as medidas precisas para evitar calquera tipo de impacto negativo para o medio ambiente, a flora e a fauna do entorno e do propio caudal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar