A captura da xarda aumentou nun 230% co novo modelo de reparto

Descarga da xarda en porto.
Descarga da xarda en porto.

As descargas de xarda de flota galega durante o que vai de ano –con cifras ata o 24 de abril– aumentaron un 230% con respecto a 2013 e a facturación repuntó un 220%, unha vez implantado o novo modelo de repartición por comunidades e modalidades de pesca, segundo avanzou este mércores o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, na comisión de pesca do Parlamento galego.

«Os datos, aínda que son provisionais, veñen a reafirmar todo canto previamos de beneficio», destacou o responsable de pesca da Consellería do Mar antes de mostrar a súa «satisfacción» por un traballo que atribuíu tanto ao Goberno central e aos autonómicos implicados na xestión do caladero Cantábrico Noroeste coma aos representantes do sector, «salvo unha parte».

O novo sistema de distribución de especies peláxicas como a xarda e o xurelo provocou a comezos de 2014 o malestar dunha parte do segmento do cerco en Galicia e Asturias. Na Comunidade galega, uns 120 armadores dun total de 153 opuxéronse á fórmula ao sentirse discriminado respecto aos de País Vasco e Cantabria, polo que protagonizaron numerosas manifestacións e protestas, incluída a que rematou en disturbios e enfrontamentos coa policía ás portas da Cámara galega.

Este mércores, o secretario xeral do Mar deu a coñecer as cifras da actividade no que vai de ano, cando a pesqueira aínda non está pechada para o arrastre nin para o cerco ao quedar cota dispoñible, para reivindicar que «parece que os gobernos e o sector» non estaban «equivocados».

Neste sentido, recordou aspectos que lle parecen favorables como que agora o sector pesqueiro ten asignadas unhas posibilidades de pesca das que pode facer uso fronte ás costas galegas, sen ter que desprazarse ao golfo de Vizcaya, posto que a xarda é unha especie migratoria e no seu desprazamento percorre o litoral cantábrico cara ao oeste.

SEN MINORACIÓN DE PREZOS

Así, Maneiro explicou que as vendas en lonxa destas 7.300 toneladas de xarda –fronte ás 2.200 de 2013– pasaron de supoñer 1,9 millóns de euros a 6,1 millóns. Igualmente, resaltou que a actividade se está a desenvolver «sen minoración de prezos apreciable».

Neste extremo, apuntou que as artes menores pasaron de vender a xarda a 0,82 euros por quilo en 2013 a 1,85 euros este ano e asegurou que o cerco chegou a 0,63 euros por quilo este exercicio fronte aos 0,42 euros do anterior.

Ademais, as descargas de xarda por parte da flota galega en portos galegos alcanzaron o 65,6% do total, de acordo cos seus números, mentres que o pasado exercicio só chegaron ao 32% –e o resto descargáronse en portos doutras comunidades–. «Co que isto implica para a xeración de riqueza nos nosos portos», fixo fincapé o alto cargo.

MÁIS DÍAS DE TRABALLO

Por último, ante a valoración do deputado do PPdeG José Manuel Balseiro, quen preguntara ao representante da Xunta polos efectos da nova repartición, Juan Maneiro indicou que tamén houbo diferenzas entre 2013 e 2014 nos días de traballo dos que dispuxeron as flotas para capturar xarda.

Ao respecto, cifrou nun 46% o incremento das xornadas de faena para a xarda para artes menores e fixas, nun 120% para arrastre e nun 175% para cerco. A flota pasou, con iso, de contar con oito ou 10 días «a máis dun mes de traballo», e para algún barco, segundo insistiu, aínda está «sen pechar» a pesqueira.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar