Feijóo agradece aos profesionais a adaptación as novas ferramentas da sanidade pública

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe o esforzo realizado por profesionais e usuarios da sanidade pública para asumir ferramentas TIC que sitúan Galicia no liderado da innovación sanitaria. Así, sinalou que as tecnoloxías constitúen “potentes pancas de cambio” pero a súa implantación obrigou a modificar patróns de conduta fortemente asentados, algo no que “todos estiveron á altura e hoxe é indiscutible o liderado de Galicia en relación coa innovación sanitaria”.

O mandatario galego presidiu a primeira xornada do Congreso Internacional de Innovación Sanitaria, un encontro que entre hoxe e mañá reúne en Santiago de Compostela a preto de 800 expertos da saúde pública e que foi organizado pola Consellería de Sanidade para impulsar a implantación de procesos e solucións que melloren o sistema. Nese marco, Feijóo defendeu a estratexia “pioneira, ambiciosa e decidida” de Galicia a prol da innovación sanitaria, un factor que, dixo, é “a única alternativa posible para manter a nosa sanidade pública entre as mellores de Europa”.

ENVELLECEMENTO E DISPERSIÓN POBOACIONAL

Para o presidente galego cómpre adaptar a sanidade pública ás esixencias dun contexto marcado polo envellecemento e a dispersión da poboación, pola necesidade de optimizar os recursos durante a crise e pola maior demanda de información por parte dos cidadáns.

O titular da Xunta resaltou que a sanidade representa para a maioría dos cidadáns o gran piar do Estado do Benestar e sinalou que, pese a que esa prioridade ten un reflexo nos Orzamentos das Comunidades –na maioría das comunidades os presupostos de sanidade superan o 40% do total do gasto anual-, o marco actual de redución de ingresos fai imprescindible “xestionar con rigor e profesionalidade para asegurar a viabilidade do sistema”. Esas circunstancias, dixo Feijóo, fixeron “perentoria” unha aposta estratéxica pola innovación como “vía para transformar a prestación da asistencia sanitaria, modernizar o sistema e adaptalo ás circunstancias actuais e as que se prevén no futuro”.

COMPROMISO

Así, puxo en valor o compromiso dos traballadores do sistema público de saúde que teñen incorporado plenamente aos seus hábitos de traballo ferramentas que propiciaron un salto cualitativo na xestión sanitaria en Galicia, nomeadamente a través da plataforma IANUS, soporte da historia clínica electrónica, e que é o único sistema de información e comunicación no Servizo Galego de Saúde.

Esta ferramenta, segundo afirmou, “non só contribúe a unha atención integral e continuada dos pacientes, senón que, tamén, permitiu estender a todos os actores implicados as bondades da receita electrónica, practicamente xeneralizada”.Trátase, en definitiva, engadiu, “de procesos asistenciais máis áxiles, máis seguros e que sacan máis rendemento a cada euro público investido”.

Xunto con isto, salientou a importancia da innovación para lograr avances como as teleconsultas ou a solicitude de citas médicas telefónicas e telemáticas, ao tempo que mellorou os procesos de provisión de recursos humanos, a xestión económica e de contratación, a formación e os aspectos loxísticos.

SINTONÍA COA UE

O titular da Xunta recordou que a aposta pola innovación vai na liña marcada pola Unión Europea, reflectida nos proxectos Hospital 2050 e Innova Saúde.

Ao fío disto, sinalou que a nosa comunidade pretende avanzar conforme aos parámetros marcados pola Unión Europea para acadar un crecemento “intelixente, sustentable e integrador”, e, dese xeito, estableceu a sanidade como un dos grandes retos que fixa a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia como prioridades de innovación dos próximos anos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar