A Deputación de Ourense destina este ano 343 mil euros a proxectos sociais

Baltar_despacho Deputación

 

A Deputación de Ourense publicará o vindeiro 5 de maio de 2014 as bases que regularán a concesión de subvencións ás entidades de iniciativa social que realicen actividades sen ánimo de lucro e que teñan sede na provincia Ourense. As entidades beneficiadas da subvención, poden recibir como máximo un cofinanciamento de 10.000 € para a realización dos seus proxectos seleccionados excepto aqueles proxectos de emerxencia social que poderán chegar a 25.000 €.

As entidades poderán acceder a toda a información da convocatoria, así como realizar a súa solicitude a partir do día seguinte ó da súa publicación, a través da dirección de internet http://programasentidades.depourense.es. Neste ano 2014 incorpórase como elemento de valoración das solicitudes a tipoloxía das necesidades atendidas polos proxectos presentados, priorizando aqueles dirixidos á atención de situacións de pobreza ou emerxencia social.

Outra das novidades da convocatoria deste ano é o acceso á subvención para aqueles proxecto que desenvolvan iniciativas de carácter social que teñan incidencia directa na recuperación ou fixación da poboación nos seus lugares habituais de residencia, primando especialmente aqueles que teñan obxectivos concretos de conciliación familiar e laboral con nenos e/ou maiores con necesidade de atención. A Deputación de Ourense pon a disposición dos usuarios a Área de Benestar da institución como punto de axuda e información para que as cuestións técnicas non supoñan unha limitación para os interesados.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen hoxe mantivo unha reunión coa presidenta da Cruz Vermella en Ourense, Teresa Rodríguez para analizar temas de colaboración e proxectos en materia social, afirma que os servizos sociais “son unha liña prioritaria que recolle o Plan de xestión e estratexia operativa OURENSE 92 da institución provincial, e o notable incremento este ano nos orzamentos é consecuencia dunha xestión centrada en facer máis con menos, e sempre priorizando recursos, moito máis se se trata dunha área tan sensible na cidadanía, como son nestes momentos os servizos sociais”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar