Máis 10.000 visitas á exposición «Auga Doce» da Cidade da Cultura

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destaca a excepcional acollida da mostra ‘Auga Doce’, exposición que abriu as súas portas o 21 de marzo no Museo Centro Gaiás e que xa foi visitada por 10.661 persoas, cunha media de 355 visitantes ao día e picos de ata 1.500 persoas no día que mais visitas recibiu.

 

 

‘Auga Doce’, formada por 700 obras nas que os mestres da arte lle renden homenaxe a este elemento clave da identidade galega, preséntase como unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte procedentes de 140 institucións nacionais e internacionais de recoñecido prestixio, como o MoMA, o Victoria & Albert, o Rijksmuseum, o Musée D’Orsay, o Reina Sofía ou o Thyssen-Bornemisza, ademais de pezas procedentes dos principais museos e coleccións galegas, como o CGAC, o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Museo de Pontevedra.

Pinturas, esculturas, fotografías, vídeos, instalacións, enxeños científicos ou pezas etnográficas mergullan ao visitante nunha intensa experiencia estética a través de grandes nomes da creación contemporánea como David Hockney, Gerhard Richter, Mario Merz, Louise Bourgoise, Martín Chirino ou Chema Madoz e mestres clásicos da talla de Piranesi, John Constable, Henry Lewis ou Audubon.

PATROCINIO PRIVADO

A exposición conta con catro patrocinadores oficiais: a Fundación Gaiás, Fundación Aquae, Gas Natural Fenosa, e Sabadell Gallego. Ademais, colaboran con esta mostra a Obra Social “la Caixa”, a madereira Finsa, Balnearios de Galicia, Coca Cola, Agamin e Augas de Mondariz.

‘Auga Doce’ pode visitarse ata o 14 de setembro de martes a domingo en horario continuado: de 11 a 20 horas. A entrada xeral terá un custo de 4 euros, con entrada reducida de 2 euros para estudantes, familias numerosas, carné xoven, discapacitados e grupos de máis de vinte persoas. Os menores de 18 anos, xubilados e desempregados terán entrada de balde e todos os domingos celébrase a xornada de portas abertas a todos os públicos.

VISITAS DE ESCOLARES

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria subliña ademais a boa acollida do Programa de Visitas Didácticas, organizado en colaboración coa Obra Social “La Caixa”. Ata o de agora, 2.506 alumnos visitaron xa “Auga Doce” e outros 4.331 teñen formalizada a súa reserva para facelo nas próximas semana: o que fai un total de 6.841 alumnos.

Os centros educativos poden consultar as diferentes actividades que se ofertan segundo os tramos de idade –desde Primaria a Educación Universitaria e Adulta- no apartado Aula Gaiás en www.cidadedacultura.org; e diversos discursos que se tratarán a través de obradoiros, xogos interactivos, visitas musicais ou plásticas.

As visitas para escolares terán lugar ata o 12 de setembro de martes a venres en catro quendas: 11:00, 12:30. 16:00 e 17:30 horas. Esta actividade é totalmente de balde e para participar só hai que pedir cita a través do mail visitasdidacticas@cidadedacultura.org ou ben a través do teléfono 881997584, indicando centro e nivel educativo, número de alumnos, nome da persoa responsable do grupo, teléfono de contacto, data da visita, horario e actividade escollida e necesidades especiais no caso de que as houbese.

OS RESCATADORES DA AUGA DOCE

O Museo Centro Gaiás, a través da actividade ‘Os Rescatadores de Auga Doce’, ofrece tamén unha visita pensada para as familias que queiran vivir dunha forma diferente esta mostra do Gaiás. Co patrocinio da Fundación Aquae, este programa de visitas busca difundir o valor da arte e a xestión sostible e responsable dun recurso tan prezado como é a auga, reforzando así o compromiso social e ambiental desta entidade. As visitas ‘Os Rescatadores de Auga Doce’ están dirixidas a nenos de 5 a 12 anos e teñen lugar todos os sábados en dúas quendas: ás 11.30 e 17.30.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar