O Partido Popular comprométese coa pesca galega na Unión Europea

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou en Ribeira que se hai un partido capaz de defender o sector pesqueiro con verdadeiro coñecemento de causa, ese é o PP. Con respecto a isto, fixo fincapé en que a formación non acudirá a Europa coas mans baleiras senón con propostas claras, meditadas e argumentadas en tódolos eidos.

Así se expresaba o dirixente popular nun acto sectorial sobre pesca, no que tamén participaron o candidato do PPdeG ás eleccións europeas, Francisco Millán Mon, o secretario xeral de Pesca do Ministerio, Carlos Domínguez, a conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, o presidente provincial do PP, Carlos Negreira, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas.

Alí, o presidente do PPdeG quixo agradecer a mariñeiros, mariscadoras, bateeiros, acuicultores, depuradores, conserveiros, transformadores, comercializadores e a todas as persoas que traballan no sector pesqueiro o seu esforzo e compromiso. Así mesmo, pediu un recordo especial para todos aqueles que morreron mentres traballaban no mar.

EUROPA E O SECTOR PESQUEIRO

Como destacou Feijóo, Europa está presente na transformación que o sector pesqueiro ten afrontado nos últimos anos e á que ten contribuído aportando 322 millóns de euros entre 2009 e 2014. Así mesmo, tamén está presente na renovación da flota, na mellora dos portos e no aumento do 17% do valor das exportacións da conserva nos últimos tres anos.

Por outra banda, no relativo ás perspectivas de futuro, o líder do PPdeG sinalou que Europa tamén será relevante para Galicia no próximo período comunitario, xa que está marcado por tres situacións novidosas: a aplicación práctica da nova Política Común de Pesca, o novo Fondo Europeo de Pesca e o marco comercial.

No relativo á PCP, o dirixente popular destacou a necesidade de estar atentos para que os intereses de Galicia se vexan representados e para que a aplicación do Rendemento Máximo Sostible e da progresiva redución dos descartes non afecten de forma negativa á determinación dos TAC e cotas de pesca. Así mesmo, ve fundamental que Europa teña en conta a dimensión social e económica da pesca ao mesmo nivel que a ambiental e que se teña especial consideración polas pesquerías multiespecíficas que realizan os nosos barcos.

Neste ámbito, tamén sinalou a necesidade de que se valore a implicación que teñen as políticas de acordos con terceiros países, de que a pesca artesanal e o marisqueo teñan cabida nesta nova Política Común e de que a liña da acuicultura europea contemple a singularidade da nosa mitilicultura.

No que atinxe ao Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro, Feijóo afirmou que é preciso aproveitar o máximo posible o seu impulso, apoiando a diferenciación práctica da pesca artesanal e do marisqueo e a adecuación de artes máis selectivas para avanzar na política de minoración de descartes. Ademais, fixo fincapé na necesidade de apoiar aos mariñeiros cando se dean paradas temporais derivadas de falla de acordos pesqueiros ou de recuperación de caladoiros.

En canto ao marco comercial, Feijóo apuntou que necesitamos que os nosos produtos compitan de forma igualitaria que os importados. Así, traballarase pola igualdade para os produtos frescos e para os produtos transformados.

 PERSOAS E IDEAS

Por outra banda, o dirixente popular fixo fincapé na necesidade de que os intereses dos traballadores do mar se vexan defendidos por representantes responsables e preparados, que coñezan Galicia e Europa.

Así mesmo, apuntou que os populares sempre tiveron claro que a súa candidatura para Europa non ía estar conformada por experimentos, senón que ía estar apoiada na experiencia. Por iso, valorou positivamente que estea encabezada por Miguel Arias Cañete e que conte con persoas como Francisco Millán Mon.

Segundo Feijóo, o PP leva a Europa ideas para o sector pesqueiro, para seguir logrando unha evolución positiva dos TAC e cotas; para o sector marisqueiro, onde busca dar continuidade á incorporación deste sector nas novas políticas pesqueiras europeas; e para o sector acuícola, cuxa diversidade produtiva demanda adecuar un sistema de detección de toxinas máis acaído á produción mitícola e marisqueira galega.

Con respecto a isto, Feijóo destacou que o PP pode ofrecer para os próximos anos unha Galicia ben representada en Europa; que defenda os seus intereses na Unión fronte a irrelevancia ou, o que foi aínda peor, o menosprezo que sufrimos durante anos; e que fale nas institucións comunitarias con persoas que crean en Europa.

Así, a opción está entre elixir aos que non teñen coñecemento nin as ganas para levar negociacións europeas, aos que non fixeron absolutamente nada polo naval e puxeron paus na roda en Bruxelas no relativo ao tax lease, ou a quen levaron a España ao desastre; ou elixir aos que negocian en Europa para conseguir fondos transitorios no período comunitario 2014-2020, aos que fixeron unha fronte común para defender en Bruxelas os intereses do sector naval e, en suma, ao partido que logrou evitar o rescate de España, e a quen está conseguindo que a voz de España en Europa volva ser unha voz autorizada.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar