Mil empresas acóllense ao Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra

Deputación Pontevedra_1
Preto de 1.000 empresas (987) solicitaron adherirse ao II Plan de Práctica Laboral posto en marcha pola Deputación de Pontevedra e que permitirá que entre 400 e 500 titulados universitarios e de ciclos superiores de FP poidan realizar prácticas nas áreas de coñecemento nas que se formaron.
Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o presidente da Deputación, Rafael Louzán, que incidiu en que se trata dunha liña de traballo que busca dous obxectivos fundamentais: por unha banda, axudar a fortalecer o tecido empresarial da provincia e, pola outra, dar unha oportunidade a mozos e mozas titulados que nunca antes tiveron ocasión de acceder ao mercado laboral.

SELECCIÓN

Nos meses de maio e xuño procederase ao estudo das solicitudes presentadas polas empresas, comprobando a documentación e valorando as distintas propostas, co obxectivo de seleccionar as que finalmente participarán no programa e de definir o perfil de bolseiro que demandan, que na anterior edición do plan incluíu 113 titulacións.
Á hora de seleccionar as empresas, o presidente da Deputación subliñou que se dará absoluta prioridade ás empresas que, cumprindo con todos os requisitos esixidos, maiores garantías ofrezan de consolidación do posto de traballo.
Unha vez seleccionadas e decidido o número de bolseiros que se lle adxudica, procederase á convocatoria das bolsas, que se realizará no mes de xullo.
Inicialmente, a Administración provincial convocará entre 400 e 500 bolsas de un ano de duración, pero non se descarta a posibilidade de incrementar este número en función da calidade dos proxectos presentados polas empresas e da demanda de bolsas que realicen os titulados.
500 bolseiros nos concellos
Rafael Louzán amosouse confiado en que este II Plan de Práctica Laboral en empresas resulte igual de exitoso que o anterior e que o posto en marcha no seu momento para prácticas na administración local.
En relación a este último, indicou que nestes meses estase a rematar a bolsa dos 500 mozos e mozas que participaron nesta primeira iniciativa e que desenvolven as súas prácticas en concellos da provincia e en diferentes departamentos da administración provincial cun elevado grao de satisfacción por todas as partes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar