Barreiro ironiza coas críticas de Blanco en Guitiríz

Barreiro_PP Lugo

O presidente do PP de Lugo e voceiro desta formación no Senado, José Manuel Barreiro, ironizou este sábado coa presenza do exministro José Blanco en Guitiriz, en alusión ao seu encontro nunha gasolineira desta localidade lucense co principal imputado da Operación Campión, Jorge Dorribo.

De feito, o dirixente popular considerou «imprudentes» non só as críticas do socialista ao ministro de Agricultura e cabeza de cartel do PP á eurocámara, Miguel Arias Cañete, senón tamén «o feito de pronuncialas» nese concello.

«O que é medible non é opinable», sostivo Barreiro, para quen Cañete é «a persoa que máis fixo polo mundo rural» e a súa «xestión» queda «reflectida» na Política Agraria Común (PAC).

Neste punto, o popular puxo en valor que Arias Cañete «conseguiu manter as cifras dos fondos destinados ao rural e reverter as nefastas condicións que deixou o PSOE no seu legado como negociación en Europa».

Estas declaracións fíxoas, segundo un comunicado remitido polo seu partido, nun acto da Escola de Formación ‘Manuel Fraga’ que tivo lugar este mesmo sábado na sede dos populares lucenses.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar