Rapaces galegos amosan a sua habilidade en «Deseña una xoia para a túa nai»

Feijóo_deseña xoia para a túa nai

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o enxeño, a capacidade e a habilidade dos rapaces galegos e animounos a seguir debuxando, divertíndose e esforzándose para facer realidade os seus proxectos.

Durante o acto de entrega dos premios do certame Deseña unha xoia para a túa nai, organizado por quinto ano consecutivo polo Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia, o titular da Xunta resaltou que cos deseños de xoias presentados ao concurso, os nenos galegos demostran que teñen talento e enxeño, que saben traballar e esforzarse e que con ilusión e empeño poden facer realidade os seus soños, os seus desexos e os seus proxectos. Con este certame, sinalou, ponse de manifesto “toda a creatividade, imaxinación e futuro que hai en Galicia”.


Na súa intervención, o presidente da Xunta referiuse a que o mellor agasallo que unha nai pode recibir é aquel que crean os seus fillos, que demostran o seu afecto e amor a través das obras que xorden do seu maxín e das súas propias mans. Así queda demostrado cos deseños presentados a este concurso, un certame que nesta quinta edición bateu o récord de participación, ao superar os 8.000 rapaces, sendo concretamente 8.076 as propostas presentadas. Entre elas, elixíronse 80 finalistas dos que saíron os 12 gañadores que viron feita realidade a xoia que debuxaron no papel para as súas nais.

Feijóo felicitou a todos os rapaces que participaron no concurso e expresoulle a súa gratitude por “agasallarnos” coa súa creatividade e coa súa habilidade.

Tamén agradeceu o traballo dos xoieiros galegos por converter en auténticas alfaias os esbozos dos nenos e por promover esta iniciativa coa que se pretende achegar o mundo da xoiería e da artesanía aos máis novos.

A este respecto, lembrou que o sector artesán galego dá emprego a máis de 5.000 persoas, xera riqueza e ofrece grandes potencialidades.

Feijóo rematou a súa intervención convidando aos rapaces que así o desexen a seguir desenvolvendo a capacidade que teñen demostrado no deseño de xoias. De seguir por este camiño, dixo, o sector xoieiro galego contaría con grandes talentos que lle permitirían seguir sendo unha referencia da artesanía de calidade da nosa comunidade, como o é na actualidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar