O Plan de Emprego xuvenil activou en dous meses o 90% das medidas previstas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o compromiso da Xunta cos mozos coa posta en marcha, en só dous meses, de case o 90% das medidas incluídas no Plan de emprego xuvenil. Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo avanzou a aprobación de dous novos instrumentos que se incluíron no Plan de emprego xuvenil: dúas novas ordes de axudas, dotadas cun total de 4,2 millóns de euros, que chegarán a máis de 1.600 mozos.

A primeira das ordes ten como obxectivo ofrecer accións formativas dirixidas a desempregados menores de 30 anos cunha baixa cualificación. A este respecto, Feijóo sinalou que o 60% dos mozos en paro non teñen formación, o que representa, dixo “o principal problema, xunto co da crise económica, que teñen neste momento as mozas e mozos galegos”. A tal efecto, incidiu, “destinamos 2,3 millóns de euros para que 1.125 mozos obteñan esa formación básica”; trátase, segundo explicou, de obter formación certificable de nivel 1 ou ben formarse en competencias clave, o que despois lles permitirá acceder a certificados de nivel dous.

Os beneficiarios destas accións formativas poderán, ademais, optar a axudas pola súa participación no curso, en materia de transporte, conciliación ou para mulleres vítimas de violencia de xénero. Poderán impartir estas accións formativas aqueles centros ou entidades colaboradoras debidamente acreditados e inscritos no Rexistro de centros e entidades que existe para este fin.

A segunda das ordes ten como obxectivo ofrecer prácticas non laborais a mozos con cualificación (titulación universitaria, ciclo de grao medio ou superior ou certificado de profesionalidade), para facilitar o seu acceso posterior ao mercado laboral. Este programa estará dotado con case 2 millóns de euros entre este ano e o 2015 co fin de que 500 mozos galegos acaden a súa primeira experiencia laboral nas empresas da comunidade, e vai destinado aos recén titulados menores de 25 anos sen experiencia laboral.

Feijóo precisou que, en concreto, a Xunta financiará o 80% do IPREM mensual vixente cando as prácticas duren catro horas diarias; e o 100% do IPREM cando duren máis de catro horas ao día. “A Xunta, engadiu, financiará aquelas empresas que ofrezan estas prácticas, cunha contía do 75% do IPREM diario vixente por cada día que duren as prácticas”. “Polo tanto –asegurou-, estamos practicamente financiando a totalidade dos ingresos destes 500 mozos para que poidan acadar a súa primeira experiencia laboral”.

O presidente galego asegurou que con estas dúas ordes se dá un novo impulso ao Plan de emprego xuvenil. Subliñou que, neste momento, das 19 medidas comprometidas no programa están todas en marcha salvo tres. “Con estas dúas –dixo-, situámonos nun nivel practicamente do 90% do Plan de emprego xuvenil en marcha; e espero que nos dous meses seguintes poidamos poñer o 100% dos programas a funcionar”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar