50 concellos galegos coñecen en Ourense o programa «Termalismo saudable»

Baltar_balneario Laias

50 representantes e técnicos de servizos sociais de concellos de Galicia asisten hoxe no balneario de Laias (Cenlle) á xornada de presentación do Programa de “termalismo Saudable”, incluído en “Ourense, provincia termal”, que ten como como obxectivo dar a coñecer os concellos galegos o termalismo e o seu potencial como recurso de ocio e saúde.

A xornada contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen salientou a importancia “de poñer en valor a riqueza termal a través do desenvolvemento do Plan Termal que están a desenvolver o goberno provincial e a Xunta de Galicia para definir, coordinar e executar accións que impulsen definitivamente un dos sector económicos máis importantes da provincia de Ourense”.

O longo da xornada de hoxe os técnicos de concellos terán a oportunidade de coñecer o termalismo e o seu potencial nos eidos do ocio e a saúde, que será explicado polos responsables médicos dos cinco balnearios participantes no programa de termalismo saudable e cultura termal que, por segundo ano consecutivo, pon en marcha a Deputación de Ourense dentro de “Ourense Provincia Termal”.

Neste segundo ano, a Deputación de Ourense decidiu ampliar o programa para permitir a participación de persoas de toda Galicia e de todas as idades que poidan disfrutar dos recursos termais da provincia de Ourense tanto en períodos semanais como durante a fin de semana.

Para os usuarios interesados neste programa, tanto a solicitude de subvención como a resposta a esta solicitude, faise de forma telemática e en tempo real. O solicitante, da provincia de Ourense ou de fora dela, terá a posibilidade de pedir a subvención para unha data e un balneario concreto e recibir a resposta da Deputación de Ourense de forma automática e inmediata.

Neste ano 2014, a maiores do Programa de estancias de 6 días/5 noites para maiores de 50 anos (iniciado o pasado ano), engádese o Programa de Fins de Semana en balnearios para todas as idades e para familiar, cuxo obxectivo é o de contribuír ó desenvolvemento da cultura termal a través do coñecemento dos balnearios da provincia. Todos os programas están abertos á participación de cidadáns de toda Galicia, con independencia do concello no que residan.

Programas ofertados

O programa de 6 días/5 noites consiste en estancias en establecementos balnearios para unha ou dúas persoas que inclúe: duración de 6 días/5 noites, de luns a sábado; pensión completa con bebidas incluídas; 10 técnicas de balneario por persoa; animación sociocultural e recoñecemento médico voluntario á chegada.

O programa de tratamentos termais ten unha duración de 10 días e inclúe 20 técnicas de balneario.

Tamén haberá un programa de Cultura Termal de fin de semana, que consiste en estancias en establecementos balnearios para unha ou dúas persoas, podendo estar acompañadas dun menor ata 12 anos que inclúe: duración de 2 días/ 1 noite, de sábado a domingo; pensión completa con bebidas incluídas; 1 técnica de balneario por persoa e animación sociocultural para os menores acompañantes e acceso ilimitado ás piscinas.

Requisitos dos beneficiarios

Este ano 2014 poderá participar calquera persoa, con independencia do seu concello de residencia. Se o solicitante está empadroado nalgún concello da provincia de Ourense a contía subvencionada para cada modalidade de programa será maior.

Para o programa de estancias balnearias 6 días/ 5 noites e o programa de tratamentos termais os requisitos son: ter cumpridos, cando menos, 50 anos de idade; non padecer enfermidade nin alteración ou contraindicación médica que dificulte ou impida a normal convivencia nos establecementos balnearios, e ser persoa válida para as actividades da vida diaria.

Tamén poderán ser beneficiarios da subvención, como acompañante, as persoas que, aínda que non reúnan as condicións esixidas para ser solicitante, desexen aloxarse nos balnearios e/ou recibir os tratamentos como acompañante dunha persoa que reúna os requisitos sinalados.

Para o programa de cultura termal os requisitos son: ter cumpridos, cando menos, 18 anos de idade; non padecer enfermidade nin alteración ou contraindicación médica que dificulte ou impida a normal convivencia nos establecementos balnearios, e ser persoa válida para as actividades da vida diaria. Neste caso, tamén poderán ser beneficiarios da subvención, como acompañantes, as persoas que desexen aloxarse nos establecementos balnearios e recibir os tratamentos como acompañante dun solicitante así como os menores de 12 anos, cun máximo de 1 por solicitante, que se aloxen co solicitante e o seu acompañante na mesma habitación.

Para máis información:

Área de Benestar da Deputación de Ourense: 988 385 226

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar