Galicia recibirá preto de 100 millóns para políticas activas de emprego

Galicia recibirá preto de 100 millóns de euros por parte do Estado para o financiamento das políticas activas de emprego. Deste xeito, Galicia segue sendo a segunda comunidade autónoma que máis cartos recibe por cada parado.

Así o anunciou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, tras a súa participación en Madrid na LVIII Conferencia sectorial de emprego e asuntos sociais.

A titular do departamento autonómico salientou que nesta distribución de fondos tívose en conta o cumprimento de obxectivos das políticas de emprego por parte das comunidades autónomas. Estes criterios computáronse na parte variable do reparto (40 por cento), mentres que o 60 por cento restante corresponde a unha contía fixa. Con todo, a porcentaxe de carácter variable irá medrando do 40 ao 60 por cento no próximo exercicio, o que o Goberno galego valora positivamente dado que favorece a eficacia na execución.

Grazas a que Galicia cumpriu de forma positiva cos obxectivos, a comunidade vai recibir este ano un 0,3 por cento máis de fondos que o que tería recibido se o reparto fose lineal. De feito, Mato considerou “moi positivo” que se valore o “traballo ben feito” e a efectividade á hora de desenvolver estas políticas.

Nesta mesma liña da efectividade na execución das políticas de emprego, Mato destacou que Galicia recibirá o 30 por cento do total dos fondos estatais para o recoñecemento das experiencia profesional, unha materia na que o Goberno galego ten sido pioneiro.

Por outra parte, a conselleira sinalou tamén que Galicia se sitúa á cabeza das autonomías no número de servizos e programas incluídos no Plan anual de políticas de emprego (PAPE), cun total de 67, o que a converte na segunda autonomía con maior número de medidas. Deste total de actuacións, 27 son comúns a todas as autonomías e 40 son propias de Galicia.

Xa por último, a titular do departamento autonómico valorou que nesta conferencia sectorial se iniciase o debate sobre a posible posta en marcha dunha carteira común de servizos para definir e mellorar as prestacións dos distintos Servizos públicos de emprego do territorio estatal, unha liña na que Galicia xa está avanzando. Así, recordou que a primeira carteira de servizos de emprego da comunidade autónoma xa se está ultimando, e que conta ademais co acordo cos axentes sociais.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar