De Guindos confía nunha rápida autorización da Comisión Europea á venda de NGB

O ministro de Economía e Competitividade, Luis de Guindos, restou este mércores importancia á dilatación dos prazos para culminar a venda de NCG Banco ao Grupo Banesco e manifestou que confía en que a autorización da Comisión Europea á operación chegue nun prazo breve de tempo.

Nun almorzo informativo organizado pola Asociación de Xornalistas de Información Económica (Apie), Guindos pronunciouse deste modo ao ser preguntado polos prazos para dar a autorización definitiva á venda. Nun principio, a previsión era que a operación se pechase no primeiro trimestre, se ben o director xeral do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), Antonio Carrascosa, dixo posteriormente que o traspaso se produciría en torno a maio.

NCG Banco, a entidade nacida da fusión das antigas caixas galegas, foi adxudicada o pasado decembro a Banesco, grupo venezolano que xa se introducira en España coa compra da maior parte das accións de Banco Etcheverría.

Ademais, o ministro mostrouse «convencido» de que Catalunya Banc será privatizada este verán, unha vez que o proceso se iniciou e que en paralelo a entidade nacionalizada se está a desfacer de carteiras de créditos problemáticos e segue invertendo en negocios «que non son fundamentais».

O titular de Economía subliñou que a banca española está «preparada» para os test de estrés que ultima o BCE, despois de pechar o programa de asistencia liberado pola UE. «Fai unha ano non estaba preparado», recoñeceu.

Ante a situación patrimonial do Fondo de Garantía de Depósitos (FGD), Guindos recordou que o Estado está «sempre detrás» deste órgano, que se nutre fundamentalmente das achegas da banca. Neste sentido, descartou achegas extraordinarias do Estado, a pesar de que se pode dar «algún ano desfase» no FGD.

Por último, Guindos recordou que o ICO concedeu 5.700 millóns de euros en empréstitos a pymes durante os catro primeiros meses deste ano, o que supón triplicar o mesmo período do pasado exercicio. «Hai unha demanda crecente por parte de empresas solventes», constatou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar