O vicepresidente defende que a lei para adaptar a reforma local busca «garantir» os servizos

Rueda_presidente FEGAMP_debate ECG

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, defendeu que a lei de medidas urxentes para adaptar a reforma local a Galicia pretende «garantir» que se manteña a prestación dos servizos que dan os concellos galegos e chamou á oposición a consensuar no trámite parlamentario da normativa.

O proxecto lexislativo arrancou este martes o seu trámite na Cámara galega tras salvar as peticións de devolución de PSdeG e BNG, que foron avalados por AGE e o Grupo Mixto. «Lamento moito que os grupos da oposición non fosen capaces de ver cál era a utilidade da lei, que non é outra que solucionar os problemas que se están a dar nos concellos de aplicación práctica da lei estatal», manifestou este mércores Rueda, antes de participar nunha xornada sobre o futuro das facendas locais do Foro Correo.

Os municipios, proseguiu, pediron ao Goberno galego que arbitrase «unha fórmula legal para despexar todas estas dúbidas». Esta vía, reivindicou, é «o camiño máis práctico e intelixente».

«Non cremos que sexa adecuada a estratexia que nos propoñían –os grupos da oposición– de pura confrontación», engadiu e rexeitou a vía de recorrer a lei estatal ante o Tribunal Constitucional porque «tardaría muchísimo en resolverse e, mentres tanto, os problemas seguirían aí».

Por iso, chamou á oposición a que durante a tramitación da lei galega na Cámara «se dean conta» de que o que pretende a Xunta, «xunto coa Fegamp, que informou favorablemente o proxecto de lei», é «que sigan funcionando os servizos municipais». Así, pediu «entre todos ser capaces de adaptar a lei estatal ás peculiaridades de Galicia» e a colaborar sen facer deste asunto «nin política nin partidismo».

Tamén destacou que para garantir a prestación dos servizos é necesario contar con fondos abondos. En concreto, o vicepresidente da Xunta avogou por reclamar «con firmeza e con todo o dereito o financiamento axeitado». «Non ten sentido restituír competencias se non se garante o financiamento», apuntou.

SEN TEMOR AO RECURSO

Rueda indicou que espera que o Goberno central non recorra a lei galega. «A día de hoxe non nos fixo ningunha consulta», indicou e afirmou que se ten algunha dúbida» respecto a esta norma, «que está realizada polos servizos xurídicos da Xunta», os responsables do Executivo autonómico estarán «encantados de resolvela». «Temor –de que a recorran–, ningún», engadiu e mostrouse seguro de que «invocando o principio de colaboración» se lograrán acordos.

En calquera caso, destacou que a fórmula pola que optou a Xunta descarta un recurso de inconstitucionalidade de Galicia contra a norma estatal e considerou que «non tería ningún sentido» que o Estado actuase contra a norma galega porque o que busca é unha adaptación «con todas as garantías xurídicas».

Na súa intervención no foro, Rueda defendeu tamén a necesidade de políticas de estabilidade presupostaria. «Nós non o vemos como unha ameaza, senón como unha garantía de que os servizos públicos se van prestar», asegurou e considerou que «a foto fixa de estabilidade» nos municipios «é boa».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar