A Deputación de Pontevedra reparte mañá máis de mil libros

A Deputación agasallará con dous libros a cada pontevedrés que visite mañá o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, situado na rúa Padre Amoedo 1. Os visitantes poderán elixir entre un total de 72 títulos e máis de 1.100 exemplares, nunha iniciativa coa que a Administración provincial pretende conmemorar o Día Internacional do libro.
Nesta actividade, que organiza o antedito Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, colabora o Museo de Pontevedra.
Entre as obras que se poderán recoller figuran os catálogos A rebotica da arte; Mª Victoria de la Fuente. A pintura é cousa mental; Rupturas: a liberación da imaxe. A Arte en México despois de 1950; Antón Pulido. Kermesse; ou Catálogo de Libros litúrgicos españoles y portugueses impresos en los siglos XV y XVI, de Antonio Odriozola.
A elas súmanse outros títulos de temática e formato variados. Así, poderán escollerse obras poéticas, como Con Barqueira e Remador e Babelia en Galego, froito de dous obradoiros de tradución e coordinados pola autora galega Yolanda Castaño; cómics, como o que recolle a historia de Vigo baixo o título O desenvolvemento histórico de Vigo e a súa comarca, de José Cid; obras de relatorios de diferentes xornadas, como Da Galicia de Balbino á Galicia de Hoxe, que recolle artigos de diferentes expertos que participaron nas xornadas do mesmo nome coas que se homenaxeou a Neira Vilas en Lalín; libros de entrevistas e fotografía, como Co Sal nas mans, de Paulino Ambrosio Costas e que nos achega á vida do mar con imaxes de entre 1930 ata 1960; e ensaios e investigación, como La galleguidad de Álvaro Cunqueiro en su obra en Castellano, de Luisa Blanco Rodríguez; Historia de la Emigración Pontevedresa en Buenos Aires (varios autores) ou La ingeniería técnica industrial en Galicia, de Joel Fernández Soto.
Tamén poderán atopar obras ao seu gusto os amantes das viaxes e o sendeirismo, con títulos Descubrindo Guláns. Rutas de Sendeirismo para coñecer Guláns, ou Ruta Marítimo xacobea del mar de Arousa y río Ulla; os afeccionados á música (Reveriano Soutullo Otero; El lenguaje de la música. Cómo entender una partitura: El solfeo para adultos; Obra Coral en Galego de Francisco Rey Rivero están entre os títulos que se regalarán); os que gustan da etnografía e o patrimonio galego (Cruceiros, Cruces e Petos de Ánimas en Terras de Fragoso; Pazos Gallegos. Materiales para su estudio; A ourivería tradicional en Galicia ou O Carballo Monumental de O Pelete) entre outras moitas.
As obras poderán recollerse na sede do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico entre as 09,00 horas e as 21,00 horas, de forma ininterrompida.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar