A Xunta, as tres universidades e as empresas TIC poñense en común polo emprendemento dixital

Xunta_universidades_programa Transforma

 

O Goberno galego, as tres universidades, os centros dedicados ás tecnoloxías da información e a comunicación, e as empresas do clúster TIC aliáronse para poñer en marcha o programa ‘Transformatic’, que aspira a impulsar o crecemento do sector e a garantir a «aliñación» entre esforzos públicos e privados para fomentar o emprendemiento dixital.

‘Transformatic’ establece como eixes de actuación o «impulso» da demanda temperá no sector público e nos sectores estratéxicos para desenvolver iniciativas articuladas a través da compra pública de tecnoloxía innovadora; e, en segundo lugar, o desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos «de grande envergadura» nos sectores estratéxicos para Galicia.

 

 

Os seis eixes restantes do programa oriéntanse a fortalecer o sector TIC. O primeiro céntrase no capital humano e ten por obxectivo «aliñar» a oferta formativa e as necesidades que demanda o mercado, analizando as políticas de formación que se promoven dende a Xunta e as necesidades a medio e longo prazo para definir novos programas formativos e incrementar o número de titulados TIC.

Tamén se pretende favorecer o apoio á I+D+i e á transferencia tecnolóxica entre os grupos de investigación e as necesidades do sector TIC e dos sectores estratéxicos. Así, se fomentará a «consolidación» dos centros tecnolóxicos galegos como centros de referencia no ámbito estatal e internacional.

Do mesmo modo, crearase un sistema de «apoio integral» ao emprendedor dixital en todo o ciclo de vida do proxecto, dende o nacemento da idea ata a fase de comercialización, apostando por favorecer a creación de novas empresas de base tecnolóxica.

AUMENTAR A CIFRA DE NEGOCIO

O acordo materializouse coa sinatura dun convenio que presidiu o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e no que participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; responsables dos centros tecnolóxicos; o presidente do clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral; e os tres reitores galegos.

Tanto Conde como o presidente do clúster TIC incidiron na necesidade de internacionalizar un sector, o das TIC, que, segundo Antonio Rodríguez, contribúe en torno a un 2,5 por cento ao PIB galego. Deste modo, o programa aspira a potenciar a súa presenza no exterior para incrementar a súa cifra de negocio en cinco puntos porcentuais tanto no mercado español coma na UE.

Ademais, desenvolveranse medidas de atracción de inversión para a implantación de empresas tecnolóxicas en Galicia e maximizarase a captación de fondos de convocatorias de I+D+i estatais e europeas.

TRABALLO EN REDE

O presidente do clúster definiu este convenio e a posibilidade de que tanto a administración como universidades, centros tecnolóxicos e empresas dialoguen nunha mesa de traballo común como unha «ferramenta chave e algo histórico» polo que o sector leva «anos» loitando. Un sector, en palabras de Conde, que empregan directamente 15.000 galegos.

En calquera caso, o conselleiro incidiu en que as TIC afectan a todo o tecido produtivo, toda vez que contribúen en máis dun 40 por cento ao incremento da produtividade de calquera sector. «Sen TIC non hai pymes innovadoras, nin traballo, nin futuro», constatou Conde, quen chamou ao traballo «en rede» para mellorar a competitividade.

Igualmente, ratificou o compromiso da Xunta co sector. Así, resaltou a importancia que as TIC terán na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que guiará a mobilización de 1.600 millóns de euros en inversión innovadora en Galicia ata 2020.

FORTALEZAS

Pola súa banda, a directora da Amtega, Mar Pereira, resaltou que Galicia xa conta con «importantes fortalezas» para converter o sector TIC en catalizador do resto de sectores produtivos, aínda que é preciso fomentar o emprencdimiento, a inovación e a internacionalización, así como promover unha maior especialización e adaptación do capital humano ás necesidades do sector.

Pereira recordou que a comunidade conta con tres centros tecnolóxicos de prestixio –Gradiant, Citic e Cesga–, máis de 4.000 alumnos matriculados en carreiras TIC no sistema universitario galego con «numerosos» grupos de investigación en activo como o Centro de Investigación en TIC (AtlanTIC) da Universidade de Vigo e do Centro Singular de Investigación en TI (Citius) da USC, e máis de 2.000 empresas tecnolóxicas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar