Sanidade chama aos galegos a facerse doadores de médula ósea

A Consellería de Sanidade chama os galegos a facerse doadores de medula ósea, para o que promove, xunto á Fundación Josep Carreras, unha páxina «web de autoinclusión».

O Consello da Xunta reunido este mércores abordou un informe da Consellería de Sanidade referido á actividade de doazón e transplante de proxenitores hematopoéticos no Sergas en 2013.

Na rolda de prensa posterior ao Consello, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comentou que Galicia se atopa por debaixo da media de España en doazóns de medula ósea, aínda que a supera en doazón de sangue e tecidos.

 

 

Sanidade indica que do total de persoas inscritas na Rede Española de Doadores de Medula Ósea (Redmo), que o 31 de decembro eran 132.235 cidadáns, o 2,3 por cento deles pertencen a Galicia (3.160).

Feijóo resaltou que resulta «imprescindible actuar» e «fomentar a doazón», polo que destacou a colaboración coa Fundación Josep Carreras para contar cun «método máis rápido» para que «os que queiran doar poidan facelo» a través dunha web de autoinclusión.

Así, para incentivar o fomento da doazón de medula ósea entre os galegos, o Sergas e a Fundación Josep Carreras poñen a disposición da cidadanía a web de autoinclusión no programa de doazón http://galicia.medulaosea.org, co fin de facilitar os trámites de rexistro aos potenciais doadores.

ENTREVISTA CON PROFESIONAIS SANITARIOS

As persoas que desexen converterse en doadores de medula ósea poderán eles mesmos apuntarse para que, posteriormente, se lles faga unha entrevista por parte de profesionais sanitarios para poder facer a doazón se cumpre os requisitos.

Con anterioridade, o proceso de inclusión na lista de doadores era ou ben chamando ao Centro de Transfusión de Galicia ou directamente á Rede Española de Doadores.

A Xunta recorda que poden ser doadoras de medula ósea as persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou poñer en perigo a súa vida polo feito da doazón.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar