Louzán mantén un encontro en Bos Aires con emigrantes e empresarios

Louzán_embaixada Bos Aires_Buenos Aires_hztal

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, mantivo un encontro empresarios, directivos da colectividade galega e xentes da cultura e da vida social de Galicia en Bos Aires para analizar os problemas dos emigrantes e  buscar solucións conxuntas.

O acto tivo lugar durante un encontro co embaixador de España en Arxentina, Estanislao de Grandes Pascual, e no que tamén participaron o conselleiro de Educación da embaixada, o pontevedrés Francisco Moldes Fontán, o Ministro Conselleiro Pedro J. San Serrano; o Cónsul Xeral Pablo Barrios e a conselleira Miryam Naveiras, así como o empresario López Carballedo, o editor do diario La Prensa e do grupo La Capital, Florencio Aldrey, o presidente da Federación de Sociedades Galegas, o grovense Francisco Lores, e outras destacadas personalidades da colectividade galega na capital arxentina.

A necesidade de articular fórmulas para que as 83 sociedades galegas en Bos Aires (18 delas pontevedresas) se reinventen, se modernicen e se adapten aos novos tempos foi o tema principal da xuntanza, na que Louzán avogou porque os centros de emigrantes e as diferentes sociedades exerzan un papel crucial como embaixadoras de Galicia no exterior. Neste sentido, defendeu que, a súa experiencia, a súa plena inserción na sociedade arxentina pero mantendo fortes vínculos coa súa terra de orixe, converte a estas entidades en difusoras ideais de Galicia, da súa cultura, das súas empresas e dos seus emprendedores, de cara a potenciar o emprego, a xeración de riqueza, a creatividade e o aproveitamento de mutuas sinerxías. Esta postura foi aplaudida polos participantes, que se manifestaron dispostos a propoñer e a colaborar en iniciativas que vaian nesa liña “de cara a gañar o porvir de Galicia e de todos os seus fillos”.

 

Presentación dun libro sobre a emigración

Louzán_presentación libro Emigración Pontevedra en Buenos Aires_Arxentina


O presidente da Deputación pontevedresa, Rafael Louzán, presentou en Arxentina a obra ‘Os centros da emigración pontevedresa en Bos Aires’, nun acto que contou coa presenza do autor do traballo, o xornalista Martín Fernández, e que tivo lugar no Centro Galicia da capital arxentina.

A obra recolle a historia de 18 centros que «aglutinaron» gran parte da emigración que chegaba dende diferentes concellos de Pontevedra a Arxentina. Entre estes centros destacaron os de Fillos do Partido de Lalín, Unión do Partido de Lalín, Centro Cultural da Estrada, Asociación de Moraña ou Residentes de Vigo, entre outros.

No acto de presentación, Louzán destacou «o inmenso valor dos centros galegos do exterior». Así mesmo explicou que esta obra pretende ser «unha homenaxe de gratitude, recoñecemento e respecto aos miles de pontevedreses que deixaron a súa terra e se foron á emigración constituíndo uns centros que son froito do espírito de unidade e solidariedade que sempre caracterizou os galegos».

O autor, Martín Fernández, manifestou que «ademais de espazos de ocio e identidade cultural, os centros de emigrantes hoxe teñen que ofrecer servizos, unirse, coordinarse e, nalgúns casos, fusionarse. Explicou tamén que os centros «son a memoria viva da provincia e de Galicia», pero que «teñen que ser, ademais, territorios de futuro».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar