Galicia como modelo

Como prácticamente todo, a distancia é subxectiva pero coido que coincidirán conmigo en que entre Galicia e Cataluña existen, pese as obvias semellanzas de partida, diferenzas que chegan a resultar insalvables. As dúas son comunidades históricas, cos seus correspondentes estatutos de autonomía e cunha cota de autogoberno amplísima, cunha lingua e cunha cultura distintiva propia. Nembargantes o afín transformase en discrepancia abismal ó ponderar a interpretación que destas características diferenciais fan os seus respectivos presidentes autonómicos.

Ñúñez Feijoo (como o PPdeG ó que representa) non concibe eses sinais de identidade como escusa para avogar pola exclusión, o aillamento ou a separación. Aposta, de feito, por un modelo de convivencia no que se considera que a suma é a actitude máis correcta (e beneficiosa); e que a verdadeira riqueza estriba no respecto á diversidade dentro da unidade. Continúa, en suma, o camiño perfectamente definido neste eido por Manuel Fraga, quen, sen complexos, falaba, con orgullo, do bilingüismo harmónico. Todo, na España plural, ten cabida se se foxe de extremismos e exclusións.

O pensamento galeguista, piar da concepción teórica e práctica do PPdeG, concibe a defensa de Galicia no seo da pluralidade de España, consciente do papel que debe xogar dentro do proxecto nacional común, pero tamén do europeo e mesmo, dada a tendencia á globalización, dun moitísimo máis amplo. Galicia é un modelo de ben entender e bo actuar a este respecto. Mas, a contracorrente, alenta e ata esixe no Congreso (aínda que non ten a coraxe de defendelo en persoa) unha secesión que, como ben sabe, o marco legal vixente nin sequera permite. Concentra os seus esforzos en magnificar as diferenzas e apela a un victimismo absurdo e irreal para argumentar o seu desexo de ruptura (seu, e coido que de poucos máis, porque entre os diputados cataláns da Cámara Baixa os partidiarios do “non” foron maioría). Evita ademais explicar que a “independencia” conleva a exclusión de Cataluña dos tratados internacionais, da ONU ou da Unión Europea (fondos comunitarios incluidos) das que forma parte España. A defensa do propio non implica o menosprecio do alleo.

Entendelo doutro xeito, como exclusión, denota non entender a realidade territorial deste país; é traicionar o propio espírito da transición democrática e da democracia mesma, baseado na tolerancia, a solidariedade e, por riba de todo, a concordia. Artur Mas debería adicarse a resolver os graves problemas que afectan ós cataláns, principiando por poñer as contas da comunidade autónoma ó día, e deixar de crear, como o célebre cabaleiro de Cervantes, xigantes imaxinarios. Tamén a este respecto podería tomar boa nota da actitude e do traballo que se está a desenvolver en Galicia. Mesmo podería sacar ilustrativas conclusións do acontecido recentemente en Quebec ou escoitar atentamente as declaracións realizadas polo primeiro ministro francés Manuel Valls, quen semella ter unha opinión moi clara sobre o malogrado proxecto que pretende para Cataluña.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar