As conservas ecolóxicas de peixe medraron un 97% en 5 anos

Rosa Quintna_conselleira de pesca

 

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación da memoria de 2013 do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) xunto co presidente deste organismo, José Antonio Fernández Álvarez. Durante a súa intervención, a conselleira destacou o ascenso progresivo e rápido que dende 2009 experimentou o volume de negocio das conservas de peixe con certificación ecolóxica, que aumenta en preto dun 97 %, pasando de máis de 115.000 euros no 2009 a máis de 3,5 millóns de euros no 2013.

 

No eido do mar tamén collen protagonismo os produtos da acuicultura e recolleita de algas, cun volume de negocio que pasa de máis de 104.000 euros no 2012 a máis de 267.000 euros no 2013.

No que se refire á evolución concreta do último ano, a conselleira do Medio Rural e do Mar destacou que o volume de negocio de vendas certificadas en ecolóxico medrou en máis dun 11%, ao pasar de máis de 23 millóns de euros en 2012 a preto de 26 millóns de euros no 2013. Tamén medrou a cifra de operadores, que pasou de 607 a 656, o que se traduce nun incremento do 8%. A superficie inscrita no CRAEGA mantívose en termos semellantes neste período.

En canto á evolución dos últimos 17 anos, Rosa Quintana destacou que a superficie inscrita medrou de xeito substancial, pasando das algo máis de 13 hectáreas inscritas ás máis de 15.600 de 2013. Este gran ascenso tamén se reflectiu nos operadores (produtores e elaboradores) pasando de 11 a 656.

Modalidade en auxe
A titular de Medio Rural e Mar subliñou que os datos demostran que a agricultura ecolóxica está en pleno auxe e que medrou tanto en termos económicos como en termos de presenza. Neste crecemento teñen un papel clave as exportacións, sinalou a conselleira, que supoñen a apertura de novas oportunidades de negocio, xa que os produtos da agricultura ecolóxica de Galicia “teñen cada vez máis aceptación nos mercados estranxeiros”.

A titular de Medio Rural e Mar tamén fixo fincapé no incremento da profesionalización desta actividade, a través do ascenso da cifra de operadores e da superficie rexistrada. Este panorama, indicou, demostra que é un sector potencial e de futuro para a incorporación de xente nova. Ademais lembrou que a Unión Europea aposta claramente por esta vía, o que se pon de manifesto en toda a normativa que a regula.

A Agricultura ecolóxica e o Craega
A agricultura ecolóxica é un sistema de produción de alimentos baseado no respecto ao medio ambiente, no benestar animal e no mantemento e mellora da fertilidade do solo. Emprégase nela prácticas agrícolas que fomentan o equilibrio do ecosistema, evitando ou excluíndo a case totalidade de produtos químicos de síntese.

O organismo encargado de controlar a súa produción e a súa indicación nos produtos agrarios e alimentarios, así como difundir o seu coñecemento é o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, que conta cun total de 656 operadores, dos cales 523 son produtores e os 133 restantes elaboradores.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar