Pontevedra: Os nenos achéganse á figura de El Greco por medio do xogo

El Greco_1

Os talleres forman parte das actividades organizadas para conmemorar o cuarto centenario do pasamento de El Greco
Saber quen foi El Greco, coñecer a súa peculiar forma de pintar, achegarse ás cidades que marcaron a súa vida … Todo isto terán ocasión de coñecer os máis pequenos nos obradoiros infantís que organiza o Museo de Pontevedra con motivo do cuarto centenario do pasamento de El Greco.
45 cativos e cativas de entre 6 e 10 anos participarán entre hoxe e o mércores no Sexto Edificio do Museo nuns obradoiros nos que non só poderán achegarse ás principais obras dunha das figuras máis relevantes da pintura universal, senón que eles mesmos terán ocasión de emulalo, tratando de facer unha réplica simplificada dunha das obras dos talleres de El Greco que o Museo de Pontevedra ten en exposición.
Iso será despois dun primeiro achegamento á figura do pintor cretense, por medio dun power point no que se lle irán presentando algunhas das pinturas máis características da súa obra como O Enterro do Conde de Orgaz, O martirio de San Mauricio ou O cabaleiro da man no peito, entre outras moitas.
De seguido, un mapa da época permitiralle aos cativos retrotraerse 400 anos e facer un periplo visual polos lugares que marcaron a vida de Doménikos Theotokópoulos, desde o seu nacemento en Creta, o seu paso por Venecia e Roma ou o seu asentamento posterior en España, na cidade de Toledo.
Unha vez adquiridas as nocións básicas sobre Quen foi o Greco? (que así se titula o obradoiro), os cativos elaborarán o seu propio cadro e, de seguido, converteranse en cabaleiros da época.
Converténdose en cabaleiros
Farano por medio das actividades creativas que o Museo ten preparadas e que consisten na creación dunha gola (con técnicas similares á papiroflexia), o seu traxe negro e, incluso unha man que imite a da obra O cabaleiro da man no peito.
Unha vez elaborado o disfrace, os pequenos e pequenas serán fotografados co seu correspondente marco e simulando o cadro de El Greco.
Así caracterizados, os cativos desprazaranse ata o edificio Castro Monteagugo para disfrutar tamén eles das dúas obras orixinais dos talleres de El Greco que o Museo ten en exposición: a que eles replicaron no inicio do obradoiro (A expulsión dos mercaderes do templo), e San Pedro e San Pablo.
Visitas guiadas
Estes obradoiros infantís, que se celebran hoxe, mañá e pasado entre as 11,00 horas e as 13,00 horas, súmanse ás visitas guiadas que se están a desenvolver para coñecer de preto as anteditas obras da Sala de Pintura Española do Museo.
Os interesados en participar nestas visitas poderán facelo aínda este Xoves e Venres Santo ás 12,00 horas, ou o vindeiro 24 de abril ás 18,30 horas.
Iniciaranse no Edificio Castro Monteagudo, onde o persoal do Gabinete Didáctico establecerá unha análise comparativa entre as obras expostas no Museo atribuídas ao obradoiro do autor cretense e cadros da mesma temática asinados directamente polo artista.
Ademais, farase un achegamento ao funcionamento dos talleres de pintura daquel entón, completándose as visitas coa observación da obra de dous pintores galegos que reflicten unha clara influencia da súa pintura: Jesús Rodríguez Corredoyra e Pedro García Lema, ambos os dous con presenza no Sexto Edificio do Museo.
Para participar nestas visitas comentadas é preciso inscribirse a través da dirección de correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es, ou ben chamando ao teléfono 986 804 100, extensión 42413.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar