Entra en servizo «Visit Arousa», plataforma empresarial para a promoción turística do Salnés

Un momento do encontro, no Pazo de Fefiñáns.
Un momento do encontro, no Pazo de Fefiñáns.

O Pazo de Rubiáns acolleu a inauguración da plataforma empresarial Visit Arousa, nun evento enoturístico-gastronómico no que estivo presente o presidente da Deputación, Rafael Louzán; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; Tomás Fole, o alcalde de Vilagarcía de Arousa; Ruth González, xerente do Padroado de Turismo Rías Baixas; e o regatista olímpico, Antón Paz.
A agrupación empresarial ten como obxectivo mostrar o Salnés como referencia de destino turístico de calidade da comarca, para o cal deseñará unha plataforma dixital turística que promocione produtos, servizos, actividades culturais, rutas e atractivos turísticos dos membros da entidade, os cales posúen recursos que non foron explotados. Ademais, promoverá a sinerxía, a unión profesional e a colaboración, entre as empresas e os membros colaboradores; establecendo un calendario de actuacións; e ofertando actividades que poñan en valor os recursos turísticos da zona.
A plataforma, constituída por dez empresas da comarca (Pazo de Rubiáns, Adega Eidos, Bodegas Mar de Frades, Quinta de San Amaro, Gran Hotel da Toxa, Piragüilla Turismo Activo, Amare Turismo Náutico, Marina Vilagarcía, Arrullos del agua e Tee Travel) converterase nunha unidade de apoio actualizada con información sobre os seus membros seleccionados.

CHAMADA AO TURISMO

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, sinalou que os dez compoñentes forman a partir de agora “una verdadeira familia, que loitará polo éxito nesta nova singradura e que dende as administracións queremos e debemos respaldar sobre todo nos tempos que corren para converter a comarca nun resorte importante que logre cada día traer ao maior número de visitantes”.
Por outra banda destacou que iniciativas coma esta tanto do sector privado como do público, teñen que permanecer “unidas da man para que sexan a fórmula de sacar adiante os grandes recursos que temos nas Rías Baixas”.
Louzán apoiou por esta iniciativa como método para abrir a comarca ao mundo a través dos múltiples recursos dos que dispón: “patrimonio cultural, sol e praia, turismo gastronómico e unha oferta que cada vez ten que ser máis completa para atraer turistas durante todo o ano”. Non esqueceu a aposta polo chamado turismo de accesibilidade co proxecto Pousadas do Salnés que ofrecerá 200 prazas hoteleiras como aposta polo turismo destinado a persoas con problemas de mobilidade coa construción das catro pousadas en Ribadumia, Armenteira, A Lanzada e Meaño.

 

SHOWCOOKING

Ao finalizar a presentación, os asistentes degustaron un showcooking de «Auga Mareira», no que se deu mostra dalgunhas das moitas posibilidades que esta auga ofrece para cociñar. Trátase da auga de mar da Ría de Arousa que tratada mediante un proceso de filtración, decantación, microfiltración e tratamento con ozono e luz ultravioleta, previamente ao envasado, obtense un produto novo, totalmente natural, rico en iodo, magnesio e calcio.
Dentro das primeiras accións concretas, caben destacar a creación e rexistro da marca Visit Arousa e do dominio: www.visitarousa.com; a creación da web www.visitarousa.com; e a posta en marcha de redes sociais: facebook, twitter, google .

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar