Aumentan os usuarios de autobús urbano

   O número de usuarios de autobús urbano situouse no pasado mes de febreiro en 4,8 millóns de viaxeiros en Galicia, o que supón un aumento do 2,2% en relación ao mesmo período de 2013, de acordo cos datos difundidos este xoves polo Instituto nacional de Estatística (INE).

Autobus urbano Galicia   O transporte por autobús aumentou en nove comunidades e Galicia é a sexta na que máis creceu por detrás de Murcia (6,6%), Extremadura (5,3%), País Vasco (5%), Cataluña (4,4%) e Canarias (3,2%). Pola súa banda, Castilla-La Mancha (-7,1%) e Castilla e León (-2%) rexistran os maiores descensos.

No conxunto estatal, o transporte urbano aumentou un 0,4% e foi utilizado por máis de 224,1 millóns de viaxeiros o pasado mes de febreiro, mentres que o transporte interurbano caeu un 0,8%, rozando os 101 millóns de viaxeiros.

Dentro do urbano, o metropolitano diminuíu un 0,8%, e o transporte por autobús subiu un 1,2%. O metro aumentou en todas as cidades, agás en Comunidade de Madrid e Sevilla, onde retrocede un 2,7% e un 0,8%, respectivamente.

Os datos do organismo estatístico mostran que máis de 43,2 millóns de usuarios utilizaron o transporte especial e discrecional en febreiro, o que supón un descenso do 3,2%.

Así, o número de pasaxeiros de transporte especial descendeu un 5% en febreiro, con máis de 33,5 millóns de usuarios –dentro deste, o escolar baixa un 5,1% e o laboral un 4,6%–, mentres que o transporte discrecional aumenta un 3,6% respecto ao mesmo mes de 2013, con máis de 9,7 millóns de viaxeiros.

AVIÓN E TREN

Por outra banda, no conxunto estatal o número de viaxeiros que optaron polo avión para os seus desprazamentos polo interior do país caeu un 4,2% en febreiro respecto ao mesmo mes do ano anterior, mentres que os que optaron por viaxar en AVE aumentaron un 14,3%.

En concreto, máis de 1,8 millóns de usuarios usaron o transporte aéreo neste mes (-4,2%), mentres que 1,9 millóns (+14,3%) escolleron o tren de Longa Distancia (inclúe o AVE) para os seus desprazamentos.

Os pasaxeiros que utilizaron o ferrocarril decreceron un 1,4%, superando os 47 millóns de pasaxeiros, debido ao descenso de viaxeiros en Proximidades (-2%) e Media Distancia (2,6%).

Pola súa parte o transporte por autobús baixou un 0,2%, mentres que o marítimo se incrementou un 4,6% durante o pasado mes de febreiro. En total, o número de viaxeiros que utilizaron o transporte público (urbano, interurbano, especial e discrecional) foi de 368,4 millóns no segundo mes do ano, o que supuxo un 0,4% menos que en febreiro de 2013.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar