O dominio de Internet .gal implántase por fín en Galicia

PuntoGalEditado

A Asociación PuntoGal informou de que o organismo internacional que xestiona a rede a nivel mundial, ICANN, activou o dominio ‘Nic.gal’, unha páxina de carácter técnico cuxa posta en marcha «supón a delegación formal do dominio» e a «culminación dun longo proceso apoiado por toda a sociedade galega».

A asociación asinou o 7 de novembro de 2013 o contrato do dominio, que permite que a entidade galega poida coller o control do ‘.gal’ para a súa posta en funcionamento. Así, nos próximos días detallaranse as normas para o rexistro, que terán carácter público e se rexerán por criterios de transparencia e equidade.

O rexistro no dominio galego en Internet comezará cun período de lanzamento repartido nas fases de ‘Abrente’ (sunrise) e ‘Carreira’ (landrush), para despois abrirse o rexistro ao público xeral. No período de ‘Abrente’ as administracións públicas terán prioridade para rexistrar os seus dominios ‘.gal’, seguidas polas entidades que teñan unha traxectoria probada de promoción da lingua e cultura galega. Pola súa banda, o período ‘Carreira’ facilitará o acceso a rexistrantes sen dereitos ou intereses protexidos.

Esta fase de lanzamento estará precedida dun período coñecido como ‘Programa Pioneiros’, co que a Asociación PuntoGal busca a promoción do novo dominio de primeiro nivel, facilitando a posta en funcionamento dunha serie limitada de dominios de Internet, para entidades de certa relevancia lingüística, cultural e social.

PuntoGal agradeceu o apoio recibido durante este proceso por «toda a sociedade galega, incluído a comunidade galega no exterior, as principais entidades culturais, empresas e asociacións de base, así como o apoio da administración a través da AMTEGA».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar