Expertos, técnicos e alcaldes analizan en Ourense a reducción do impacto do CO2

Seminario sobre Planifiación Territorial e Clima

O seminario sobre «Planificación territorial e clima» foi clausurado polo presidente da deputación, Manuel Baltar, quen presentou o «Manual de boas prácticas para a elaboración dun plan de participación social».
Expertos, alcaldes e técnicos da administración local reuníronse hoxe nun seminario que tivo lugar no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense para analizar exemplos de boas prácticas que contribúan a reducir a pegada do CO2. A xornada, enmarcada no título «Planificación territorial e clima» foi clausurada polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, quen presentou o «Manual de boas prácticas para a elaboración dun plan de participación social e a diagnose de sostibilidade da Axenda 21 no marco do Espazo Atlántico».

Trátase dun documento, explicou Baltar, «que pon de releve as achegas como «goberno verde» que fai a Deputación de Ourense a prol da sostibilidade e as boas practicas medioambientais nos concellos da provincia, desenvolvendo proxectos que xeren impactos positivos no medio ambiente, na economía provincial e local e, por extensión, en toda a sociedade ourensá».

Manuel Baltar destacou a importancia que en temas medioambientais ten a intermunicipalidade e a cooperación, e dixo que a Rede de municipios ourensáns cara a sostibilidade e o Observatorio da sostibilidade «serven como ferramenta de diagnose e difusión para concienciar os cidadáns e os gobernos locais da necesidade de levar a cabo accións que redunden na mellora do medio ambiente».

Este proxecto medioambiental permite, segundo explicou o presidente, «achegarnos -porque nós tamén o somos- máis o rural ourensán coñecendo as boas prácticas municipais de éxito que deben divulgarse entre os concellos e destacando a través das enquisas os hábitos e opinións da poboación». Neste senso o traballo de campo realizado no proxecto revela que o 70,66% da poboación rural recicla; o 90,66% aforra auga e enerxía na medida que pode; o 74,66% bota en falla alternativas o transporte privado, e o 81,33% cre que actividades como este e a Axenda 21 son ferramentas útiles para sentirse parte da xestión pública.

O seminario contou con expertos académicos e científicos de Galicia e Portugal que abordaron a temática de redución do CO2 dende diferentes ámbitos, como son as aplicacións para o transporte público, as innovacións en materia de enerxía e mobilidade, a sostibilidade e os residuos, e mesmo as accións que cada cidadán pode realizar no marco dunhas boas prácticas ambientais.

A xornada foi inaugurada polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e contou coa presenza de Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, xefe de fila do proxecto, quen recordou os asistentes a importancia do cumprimento do obxectivo obrigatorio para tódolos países membros da UE, que se fixou para o ano 2020, da redución do 20% de emisións de gases contaminantes á atmosfera.

Posteriomente, interviron expertos académicos e científicos de Galicia e Portugal que abordaron a temática de redución do CO2 dende diferentes ámbitos. Neste senso, o profesor Ricardo Bento da Universidade de Tras os Montes e Alto Douro, e o Director da Axencia de Ecoloxía do Eixo Atlántico (Vila Real (Portugal)), Francisco Pan-Montojo, enumeraron as posibles accións locais contempladas no resumo executivo do proxecto CLIMATLANTIC que podían ser levadas a cabo polos concellos desta provincia para a redución da pegada de carbono.

Así mesmo, déronse a coñecer exemplos de boas prácticas locais e rexionais para a redución da pegada de carbono, levadas a cabo pola Deputación de Ourense, para todos os concellos da provincia de Ourense, destacando de entre elas o Plan Particip@ na Rede, executado dentro do Proxecto CLIMATLANTIC polo Área de Medio Ambiente da Deputación de Ourense, así como iniciativas postas en marcha desde os concellos da provincia, como é o caso do servizo de transporte publico dos núcleos afastados dos centros de saúde do Concello da Merca, e o servizo de bicicletas de balde do Concello do Barco.

PROXECTO CLIMATLANTIC

O Proxecto CLIMATLANTIC, cofinanciado ao 65% polo FEDER, prevé a realización de varios foros e seminarios nas diferentes sedes dos socios deste proxecto (École D´Ingénieurs La Rochelle (Francia), South-East Regional Authority (Irlanda), Eixo Atlántico (Galicia – Norte de Portugal) e na Deputación de Ourense.

O obxectivo específico de CLIMATLANTIC é a posta en común de recursos e capacidades no ámbito do desenvolvemento urbano e rural sostible no espazo atlántico para promover accións rexionais e locais para a redución da pegada de carbono, referida ao CO2 que producimos os cidadáns na nosa vida diaria: a ida e volta en coche ó traballo, acender a luz da vivenda, un voo para ir de vacacións…, todo iso usa combustibles fósiles, como carbón, petróleo e gas, e cando estes combustibles son queimados emiten gases de efecto invernadoiro, como o CO2, que contribúen o quecemento global.

O partenariado do proxecto está formado polo Eixo Atlántico (España – Portugal), Agência Portuguesa do Ambiente (AGA – Portugal), Communauté d´Agglomération de Grand Angoulême (Francia), Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestrutura (Xunta de Galicia), South East Regional Authority (Irlanda), Merseytravel (Reino Unido), Quimper Communaute (Francia) e a Escola de Enxeñeiros de La Rochelle.

O orzamento total do proxecto ascende a 2.070.887 euros, cun cofinanciamento do 65% do FEDER que ascende a 1.346.076 euros.

As actividades do Proxecto CLIMATLANTIC nas que participou a Deputación para contribuír á redución da pegada de carbono e a loita contra o cambio climático foron: a constitución de catro «Think Tank» para a creación dunha axenda estratéxica para o desenvolvemento sostible; realización de proxectos piloto no ámbito da enerxía e da mobilidade para a redución de emisións de gases efecto invernadoiro; promoción e realización de seminarios e congresos sobre esta temática, e posta en marcha de actividades de participación social de ámbito provincial dentro do Plan Particip@ na Rede.

Para máis información:

-Memoria do Plan Provincial Particip@:

http://provinciasostible.depourense.es/descargas/categoria/memoria-plan-participa

-Manual de Boas prácticas:

http://provinciasostible.depourense.es/descargas/categoria/manual_boas_practicas

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar