Yolanda Castaño faise co premio de poesía Fundación Novacaixagalicia

Yolanda Castaño_poeta_poetisa

 

O Centro Sociocultural da Fundación Novacaixagalicia da Coruña acolleu esta tarde, ás 19.00 h, a entrega do XI Premio de Poesía Fundación Novacaixagalicia á gañadora desta edición, Yolanda Castaño. A súa obra A Segunda Lingua foi escollida entre 52 presentadas, polo xurado conformado por Luís González Tosar, Xabier Castro Martínez, Fina Casalderrey, Luis Pousa e Armando Requeixo. Do poemario A Segunda Lingua, todos eles destacaron o seu «afán innovador que ofrece perspectivas e enriquecen o territorio poético actual en lingua galega». O acto de entrega contou coa presenza da gañadora, Yolanda Castaño; do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez; o presidente do Centro Pen Galicia, Luís Tosar González; e o xerente da Fundación Novacaixagalicia, Pedro Otero Espinar.

Desde o ano 2002 está en marcha o Premio de poesía Fundación Novacaixagalicia e mais a colección en que se publican as obras gañadoras deste certame, «Arte de Trobar». Este novo libro de Yolanda Castaño é o número vinte e dous dunha colección que conta, entre a súa nómina de autores, con persoeiros tan destacados das letras galegas coma Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro, Marilar Alexandre, Xohana Torres ou Luz Pozo. A Fundación Novacaixagalicia e mais o Centro Pen de Galicia, entidade impulsora do galardón, tras once anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galegas, continúan a traballar por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

A PREMIADA

Yolanda Castaño licenciouse en Filoloxía Hispánica pola Universidade da Coruña e desenvolve a súa actividade profesional no eido da produción e da crítica literaria, ademais da comunicación. É unha escritora prolífica e unha activista da palabra en verso, que se deu a coñecer moi nova no mundo das letras en galego. No ano 1990, con pequenos poemarios e poemas soltos recibiu diversos galardóns; no ano 1994 participou no II Certame Xuventude e un ano despois publicou o seu primeiro libro de poemas Elevar as pálpebras. Catro anos máis tarde, no 1998, edita Delicia e Vivimos no ciclo da Erofanías, este último cunha excelente acollida do público e da crítica e que a levou a obter o Premio da Crítica de poesía galega. No 2003 regresa ás librerías co conxunto de poemas O libro da egoísta que foi reeditado un ano máis tarde polo seu éxito de vendas, e no 2007 gaña o emblemático Premio de Poesía Espiral Maior polo traballo Profundidade de campo, un libro que acadou tamén o Premio El Ojo Crítico de RNE na súa tradución ao castelán. As obras de Yolanda foron vertidas ao castelán por ela mesma e moitas delas, como esta última, acadaron premios e boas críticas.

A Fundación Novacaixagalicia, entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar