O PP de Lugo acusa a Besteiro de incumplir a ley electoral ao inaugurar un parque

Besteiro en Santiago

O secretario xeral do Partido Popular na provincia de Lugo, Jose Manuel Balseiro, esixiu hoxe a Jose Ramón Gómez Besteiro que “deixe de empregar a Deputación en función dos seus intereses partidistas e electorais”.

Nesa liña lamentou que desde o Partido Popular se vexan obrigados a lembrarlle ao secretario xeral dos socialistas galegos “que ten o deber e a responsabilidade de cumprir coa lei”. Máis en concreto Balseiro aclara que Besteiro non pode participar en actos prohibidos pola lexislación electoral en precampaña e insiste en que a normativa vixente prohibe facer visitas como a que Besteiro efectuou en Guitiriz e na que inaugurou un parque biosaudable.

“O secretario xeral dos socialistas di agora, intentando xustificar o inxustificable que non se trataba dunha inauguración senón dunha visita, dun encontro cos veciños. Pero isto non é certo. E aínda que así o fora, esas visitas tamén están prohibidas pola lexislación electoral desde a convocatoria das eleccións, por canto Besteiro se sirve de medios públicos para vender logros, que ademais non son propios senón de todos os veciños”- aclarou Balseiro

Os populares puntualizan que tanto a normativa electoral como as instrucións da Xunta Electoral entenden prohibido que, “no curso dun acto de visita a unha obra ou servizo público, unha autoridade poida realizar actos ou declaracións que teñan contido electoralista ou que poidan considerarse como campaña de realizacións ou de venda partidista dos logros obtidos”.

«ATAQUE CONTRA O XOGO LIMPO»

Para os populares Besteiro é protagonista dun “ataque contra o xogo limpo” que ademais debera mover á reflexión de que ten o deber de liderar ao PSOE en Galicia “e en Lugo, dá mostras continuas de estar obsesionado en facer un uso partidista dos medios da Deputación.”

Balseiro preguntouse si esta forma de actuar de Besteiro vai a extrapolala ao resto de Galicia, tendo en conta a súa condición de secretario xeral e indicou que “incumprindo a lei electoral está dando un mal exemplo a moitos cargos públicos e institucionais do seu partido e ao conxunto das galegas e dos galegos”

 

Denuncia do alcalde de Guitiríz

O alcalde de Guitiriz, Xose María Teixido denunciou hoxe que o presidente da Deputación de Lugo, Jose Ramón Gómez Besteiro incumpriu a lei electoral coa inauguración o pasado luns do parque biosaudable de Guitiríz.

O rexedor lembra que a normativa vixente prohibe de xeito taxativo a realización de calquera acto de inauguración de obras, servizos públicos ou proxectos, desde a data de convocatoria das eleccións, isto é, desde o pasado 1 de abril.

O acto adquire especial relevancia tendo en conta que Besteiro non só é o presidente da Deputación de Lugo senón tamén o secretario xeral dos socialistas galegos e que, polo tanto, este comportamento podería responder a unha estratexia premeditada do PSOE para burlar a lei e buscar réditos electorais alí onde son oposición.

Besteiro acompañado da tamén deputada provincial, Regina Polín, achegáronse ata Guitiriz para participar neste acto tras o remate das obras do parque. Dáse a circunstancia de que Gabinete de prensa da Deputación remitiu unha nota e unha foto na que dan conta da inauguración e pode verse a Besteiro acompañado dun grupo de veciños.


DESCORTESÍA INSTITUCIONAL

Teixido tamén quixo denunciar a falta de respecto institucional do presidente da Deputación que acude a un acto ao seu concello sen comunicalo previamente, e sen realizar a correspondente invitación formal, que é proceder habitual cando un membro doutra administración fai unha visita institucional o seu concello.

“De ternos convidado xa lle advertiríamos de que estaba incorrendo nunha irregularidade. Pero, en todo caso, ademais de proceder de xeito ilegal actúa tamén sen o máis mínimo respecto por este Concello, pois veu ás agachadas o mesmo presidente que despois presume de transparencia”-indicou Teixido- quen explicou que dará traslado destes feitos para a súa valoración.

A NORMATIVA MOI CLARA

Teixido lembra que tanto a nova Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, como a propia Xunta Electoral nas súas instrucións posteriores ratificou a prohibición destas inauguracións “calquera que sexa a denominación empregada” sempre que coincida con período preelectoral ou electoral, e fan extensible este réxime de prohibición ás visitas ás obras.

“O novo parque pode entrar en servizo. E os veciños poden facer uso del. O que non se permite é que Besteiro o inaugure facendo un uso político e partidista dunha institución, trala convocatoria electoral, que é de todos os lucenses e que construíu este parque co diñeiro de todos, incluído dos veciños deste concello”-aclara Teixido.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar