Feijóo reclama «sete tribunais de instancia» para Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que espera que a lei estatal que modifica o mapa xudicial teña en conta as «particularidades» das comunidades e defendeu que en Galicia «deberían coexistir sete tribunais de instancia e non catro».

«É unha opinión coñecida por parte do Ministerio (de Xustiza) e mantémola. En Galicia hai sete grandes cidades e debería haber sete tribunais de instancia», defendeu na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que, en todo caso, precisou que a norma está aínda «en período embrionario».

Dito isto, sinalou que o Goberno galego «non variou a súa opinión», toda vez que ve «formulacións correctas» no anteproxecto estatal, mentres que «doutros non participa.

Así as cousas, reafirmouse que «deben plasmarse as especificidades» da organización xurisdicional e manifestou a súa confianza en que a norma sexa «flexible» e se adapte ás «particularidades» de Galicia e do resto de comunidades.

En fase de «discusión» para «mellorar» a norma, recoñeceu que a Xunta xa mantivo «contacto» co Ministerio de Xustiza e que seguirá traballando nesta liña. Por último e ante as queixas dos alcaldes, enviou «unha mensaxe de tranquilidade a posibles prexudicados», para concretar que «de momento non hai ningún».
ANARQUISTAS E INDEPENDENTISTAS

Por outra banda, preguntado sobre a constatación do delegado do Goberno, Samuel Juárez, de que se intensificaron os actos de anarquistas e independentistas na Comunidade, o presidente replicou que «cumprir a lei non ten nada que ver coa ideoloxía».

«Os independentistas teñen que cumprir a lei, os anarquistas teñen que cumprir a lei e todos os cidadáns teñen que facelo», esgrimiu, para engadir que, cando non se actúa conforme a esta, hai que tratar «a todos coa mesma rapadoira» e esixir «o mesmo cumprimento estrito».

«E estou convencido de que os funcionarios dos corpos de seguridade e da Administración de Xustiza farán que se cumpra a lei», resolveu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar