A Xunta abre un debate sobre as garantías sanitarias, como a segunda opinión

Feijóo_consello Xunta

Feijóo_consello Xunta_aire_2

Feijóo_consello Xunta_aire_2_VTR

Feijóo_consello Xunta_máns abertas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o desenvolvemento da Lei de garantías de prestacións sanitarias a través do impulso da tramitación de tres anteproxectos de decretos para ampliar a liberdade de elección, axilizar a segunda opinión e facilitar a manifestación de instrucións previas. “Estamos, polo tanto, intentando cumprir o desenvolvemento da Lei de Garantías para dar máis liberdade de elección; para dar máis facilidades para unha segunda opinión e para dar máis facilidades aos pacientes para expresar de forma anticipada como queren ser atendidos cando non poidan expresalo persoalmente”, aseverou.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo destacou que, deste xeito, se inicia o desenvolvemento da lei -aprobada en decembro do pasado ano- coa maior vocación de consenso no ámbito técnico e sanitario. E, nesta liña, subliñou que estes tres proxectos, elaborados por expertos, serán publicados na web do Sergas nas vindeiras semanas para abrir un período de consultas para calquera achega.

No tocante ao dereito á libre elección, o titular da Xunta aseverou que, ademais de para médico de familia, garántese tamén a liberdade de elección de pediatra e persoal de enfermaría así como de centro hospitalario. “Cando un usuario solicite un médico de familia, pediatra ou persoal de enfermaría a asignación será inmediata sempre e cando non estea completo o cupo. No caso de que estea completo o cupo dese médico, daránselle ao paciente outros posibles médicos tendo, en todo caso, unha resolución nun prazo máximo dun mes”, precisou, ao que engadiu que no referido á libre elección de centro hospitalario, o paciente deberá ter unha contestación e unha nova adscrición a un novo hospital nun prazo de catorce días.

Así mesmo, resaltou a blindaxe e a mellora da garantía do dereito á segunda opinión médica, coa posta en marcha dun procedemento para establecer dez días para resolver calquera solicitude dunha segunda opinión médica e quince días para que, unha vez se autorice, se emita esa segunda opinión.

En terceiro lugar, o presidente da Xunta referiuse á mellora do dereito á manifestación de instrucións previas, incorporando un novo procedemento aos xa existentes. “Ata o de agora -explicou-, o paciente unicamente podía manifestar ante notario ou ante tres testemuñas a súa vontade de que actuacións médicas querería recibir naqueles casos nos que non puidera expresalo persoalmente. E agora incluirase, tamén, a posibilidade de facelo ante persoal do Rexistro Galego de Instrucións Previas ou en cada unha das unidades que se habilitarán nas sete áreas de xestión integrada”.

Ademais destes tres textos, Feijóo avanzou que proximamente se levará ao Consello da Xunta o decreto para desenvolver o cuarto piar de menos esperas desta lei.

CENTRO DE SAÚDE DE OURENSE

Por outra banda, e no eido das infraestruturas sanitarias, o responsable do Goberno galego avanzou tamén a construción do novo centro de saúde do Couto, na cidade de Ourense, cun investimento de máis de tres millóns e medio de euros.

A superficie total do centro será superior a 2.000 metros cadrados e contará entre outras cousas con: 7 consultas de medicina xeral; 7 consultas de enfermaría; 1 consulta de matronas; consulta de farmacia; odontoloxía; 1 sala polivalente; 1 sala de atención de urxencias; e área de pediatría cunha consulta de pediatría. “En definitiva, un bloque e unha carteira de servizos potente nun centro de saúde importante para a cidade”, dixo.

Este novo centro de saúde beneficiará aos 18.000 cidadáns ourensáns que viven nesta zona.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar