Cooperación e eficiencia, claves para a xestión económica, según Baltar

Baltar_Xornadas gobernos municipais

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de inaugurar hoxe as «XI Xornadas sobre Sociedade e Dereito», organizadas polo Campus de Ourense, cunha conferencia sobre «Os gobernos provinciais do século XXI». O presidente provincial destacou a importancia da cooperación a eficiencia na xestión económica, así como da transparencia e a próxima implantación do código ético, ámbito no que a Deputación de Ourense será un referente, como xa o é noutros ámbitos como é o medioambiental ou en aspectos de innovación tecnolóxica.

«A clave de todo –explicou Baltar- é sernos máis eficaces, máis achegados á cidadanía e ofrecer mellores servizos coa axuda da cooperación entre administracións, aspecto este que temos que seguir a potenciar na procura de ofrecer unha carta máis ampla de servizos para os concellos de menos de vinte mil habitantes: a razón de ser dos gobernos provinciais».

No seu relatorio, Manuel Baltar destacou que as deputacións «seguirán xogando un papel determinante no fomento do desenvolvemento económico e social do territorio. Están chamadas a repensarse a si mesmas para fortalecer a súa posición institucional. En Ourense apostamos polo fortalecemento institucional, afondando nunha dirección pública profesional e nunha cualificación técnica do persoal como eixe estratéxico de futuro. Todo dentro dun marco de contención presupostaria e con obxectivos de sostibilidade financeira».

Asemade, o presidente provincia falou da innovación e do concepto de «Provincia Intelixente» e de seguir apostando pola tecnoloxía que permite «levar no peto a administración e facela máis achegada o cidadán con só apertar un botón no teléfono móbil». Baltar Tamén dixo que é necesario para os gobernos provinciais do século XXI «aproveitar unha estrutura que debe ser fundamental na asistencia económica, xurídica e técnica os concellos, que sirva para realizar a «fusión de servizos»: xestionar servizos intermunicipais previa delegación nas deputacións das competencias dos concellos». «Esta é a filosofía -segundo Baltar- que vimos practicando na Deputación de Ourense, pois entendemos a deputación dende unha dobre perspectiva: diferenciando goberno provincial de administración provincial; un goberno que ten tres eixes sobre os que actuar: territorio, poboación e identidade».

Redarquía

Baltar dixo que na actualidade as estruturas xerárquicas «están a ser substituídas polas estruturas redárquicas, é dicir, traballar en rede, cooperando, pois iso permite máis colaboración, autoxestión, transparencia, coherencia, interdependencia e participación». Na súa opinión os gobernos deste futuro inmediato teñen que destacar por ser previsibles, «verdes», rigorosos e electrónicos, «características que levarán a unha xestión máis eficaz e eficiente dos recursos coa obtención de mellores resultados en canto a consecución de servizos para os cidadáns».

Logo de expoñer as liñas do Plan de estratexia operativa OURENSE 92, Baltar dedicou a última parte da súa intervención á vindeira innovación que vai poñer en marcha a Deputación de Ourense: o Código Ético, do que dixo «abranguerá os cargos electos e o persoal o servizo da institución provincial, e con esta norma a Deputación de Ourense será a primeira de España en contar cunha normativa ética de boa conduta».

Este código ten como obxectivo, en palabras do titular da Deputación, «regular as normas éticas de referencia e procurar un comportamento profesional, ético e responsable, contribuíndo deste xeito a reforzar a aposta pola calidade democrática e a rexeneración do sistema institucional, establecendo mecanismos para incentivar o seu cumprimento. En definitiva, configurar unha ética pública común que evite a mala xestión e sirva para xeneralizar as boas prácticas».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar