A marca «Rias Baixas» impulsará o turismo en toda a provincia de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra quere impulsar Rías Baixas como marca de calidade turística de toda a provincia, integrando baixo este reclamo tanto a oferta de costa como a de interior. Trátase de facerlle chegar aos potenciais visitantes a riqueza das Rías Baixas en toda a súa amplitude, incluíndo unha oferta moi variada e adaptada a practicamente as necesidades e demandas de calquera perfil de turista.
Con esa idea traballarán xa os 28 bolseiros que traballarán nos próximos meses nas oficinas de turismo de Baiona, Cambados, Cangas, O Grove, A Guarda, Lalín, Nigrán, Sanxenxo, Redondela, Ribadumia, Tui, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Bueu, Cuntis, Caldas de Reis, A Estrada, Gondomar, Marín, Oia, Poio, Pontecaldelas, Soutomaior e Vilanova de Arousa.
Para facerlle máis doado o seu labor, hoxe comezaron unhas xornadas de formación nas que obterán as claves necesarias para que, en palabras do presidente da Deputación, “a marca Rías Baixas sexa vista coma referente de toda unha provincia”.
O obxectivo destas xornadas de formación, que se estenderán ata o vindeiro mércores, é proporcionarlles aos bolseiros formación e criterios básicos para que a información turística da provincia sexa homoxénea, obxectiva e de calidade así como pautas que deberán seguir nas súas responsabilidades como informadores turísticos.
Na primeira das charlas formativas de hoxe, a técnica de turismo Inés Calvo, incidiu precisamente nese carácter de “destino único e integrado” que son as Rías Baixas e que pode ofrecer ao visitante “moito máis que costa”.
Pontevedra conta con atractivos abondo para resultar interesante aos máis diversos tipos de turista: para o que viaxa buscando cultura e patrimonio histórico artístico; para o que busca natureza e paisaxe; para o que busca descanso e boa comida; para o que prefire turismo activo…
Todos estes atractivos poderanos coñecer os novos informadores turísticos durante os tres días de formación específica que hoxe comezaron e que non só inclúen charlas informativas, se non tamén visitas a algúns dos puntos de interese turístico da provincia.
Así, ademais das explicacións de Inés Calvo, hoxe contaron coa intervención de José Antonio Fernandez Bouzas, director-conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas que lles achegou algunha das principais características deste enclave, así como explicacións sobre a ruta do Viño, da man de Lorena Varela, técnica da ruta; para rematar cunha visita ao núcleo Histórico Artístico de Pontevedra e ao Edificio Sarmiento e un relatorio sobre Comunicación co visitante: normas de cortesía e imaxe profesional. Atención telefónica. Xestión de queixas e reclamacións, a cargo de Juan José Alonso, MAGNAFOR.
Durante a xornada do mércores 9 desenvolverase o curso de comunicación e excelencia no trato a clientes con discapacidade, con Juani Tubío, Coordinadora da Área de Traballo Social de COGAMI, así como os recursos de cabeceira de Turismo de Galicia e o procedemento de traballo do Observatorio de Turismo.
O xoves 10 os asistentes terán a oportunidade de coñecer as oportunidades que ofrece o proxecto Smart Destinos, co que a Deputación de Pontevedra quere posicionar á provincia nun mercado turístico moderno, no que a comunicación directa co cliente e a presenza en rede son fundamentais.
Adhesión de empresas a Smart Destinos
Precisamente, nestes momentos está aberto o prazo para que as empresas turísticas se sumen ao proxecto e entren a formar parte da súa plataforma online.
O obxectivo é que o maior número posible de empresas relacionadas co turismo se integren nunha plataforma que vai permitir coñecer as necesidades dos posibles clientes e adaptarse a elas e, ao mesmo tempo, os que buscan un destino para os seus días de descanso, van poder ter por primeira vez unha visión global, ampla e detallada do que lle ofrecen as Rías Baixas.
Son xa máis de 1.000 as empresas do sector que os técnicos da Deputación visitaron para informalas persoalmente deste proxecto e agora inician unha segunda rolda de visitas para chegar ás empresas restantes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar