Premios da Irmandade do Libro na sua XXIII edición

Vázquez Abad_Irmandade do libro_premios_1

 

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta tarde na entrega dos XXIII Premios da Irmandade do Libro, onde salientou o potencial galego na evolución deste eido. “Desde hai anos estamos a falar dun proceso de transformación profunda en todos os ámbitos que afectan ao sector do libro”, dixo, salientando aos premiados como “unha selección excelente do que ofrecemos neste momento, desde a nosa terra, para que a nosa voz continúe a gañar intensidade e prestixio ante os distintos públicos lectores, que procuran consciente ou inconscientemente a nosa referencia”.

O titular do departamento educativo de Galicia sinalou, ademais, a necesidade neste escenario de “proxectos integradores que precisamos proxectos integradores, que nos permitan avanzar cara ao obxectivo fundamental, centrado en darlle intensidade á mensaxe cultural de Galicia para producir e comercializar produtos marcados co selo da nosa identidade, que sigan a espertar o interese ante o noso propio público, e que tamén contribúan a espallar a nosa imaxe como referente de calidade no mundo que habitamos”.

Así mesmo, o conselleiro quixo agradecer o labor dos libreiros neste eido. “Durante moito tempo abristes camiño para unha mellora cultural para a práctica totalidade dunha poboación tan espallada coma a galega, e hoxe asumides o reto de manter a nosa voz en igualdade respecto dos fluxos de comunicación que chegan desde fóra. Tedes o noso apoio e o noso recoñecemento como piares dun tempo que se achega”, dixo.

A Consellería de Cultura e Educación e mais a Federación de Librarías de Galicia colaboran na convocatoria destes galardóns, co fin de render homenaxe aos que durante o ano 2013 destacaron no seu traballo para que o libro e a lectura continúen a ter un presente activo e un futuro determinante para a sociedade galega. . Ao acto, celebrado no Auditorio de Rianxo, asistiu ademais o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Galardóns
Na súa vixésima terceira edición, os Premios Irmandade do Libro contemplaron sete modalidades. Así, na de Autora a galardoada foi Chus Pato; mentres que a de Centro de Ensino recaeu no CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal); a do Libro do Ano 2013 en ‘Ulises’, de James Joyce, traducido e publicado por Galaxia; e a de Obra Editorial para a colección ‘Cociña infantil e familiar’ da editorial Ouvirmos. O premio de Fomento da Lectura levouno a Biblioteca Municipal Valle-Inclán (Redondela); o de Libraría recaeu na Ramón Cabanillas (Cambados); e a nova modalidade do galardón incorporada este ano, a de Libro Infantil e Xuvenil do Ano 2013, foi para a ‘Triloxía Ámote Leo’, de Rosa Aneiros, publicada por Edicións Xerais de Galicia. Todos eles recibiron unha figura exclusiva realizada en bronce deseñada polo lucense Ismael López e mais un vale para mercar libros en librarías asociadas á federación.

Vázquez Abad_Irmandade do libro_premios_2

 

A Consellería de Cultura e Educación colabora nestes premios a través do convenio asinado coa Federación de Librarías de Galicia, a través do cal tamén apoia a celebración de 12 feiras do libro en Galicia. O calendario de iniciarase o vindeiro 24 de abril en Santiago de Compostela, onde permanecerán as casetas ata o 4 de maio; e pecharase do 27 ao 30 de agosto en Monforte. No medio, as feiras terán pasado tamén por Pontevedra (6 a 11 de maio), Lugo (13 a 18 de maio), Vigo (23 de maio a 1 de xuño), Ourense (3 a 8 de xuño), Ferrol (11 a 15 de xuño), Ribadeo (17 a 20 de xullo), Rianxo (24 a 27 de xullo), A Coruña (1 a 10 de agosto), Viveiro (14 a 17 de agosto) e Foz (27 a 30 de agosto).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar