A exposición do Gaiás «Auga Doce» ábrese ás visitas familiares: «Os rescatadores»

Os rescatadores de Auga Doce_Gaiás_Cidade da Cultura

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a vivir dunha forma diferente a exposición ‘Auga Doce’ a través da actividade ‘Os Rescatadores de Auga Doce’, unha visita pensada para as familias que queiran vivir dunha forma diferente esta mostra do Gaiás.

‘Os Rescatadores de Auga Doce’, que conta co patrocinio da Fundación Aquae,pretende difundir o valor da arte e a xestión sostible e responsable dun recurso tan prezado como é a auga, reforzando así o compromiso social e ambiental desta entidade. Esta actividade está pensada para nenos de 5 a 12 anos que, xunto aos seus pais, se converterán por un día en super heroes encargados de salvar a auga do planeta de todas as súas ameazas. Deste xeito, ao tempo que coñecen a exposición, as familias deberán demostrar o seu valor e a súa preocupación polo futuro da auga.

Ao longo dos catro andares do Museo Centro Gaiás, pequenos e maiores deberán combater xunto aos esquimós o desxeo dos polos e construír con eles un iglú onde vivir, ademais de enfrontarse á contaminación dos ríos e axudar aos peixes a sobrevivir. A cambio, todos eles recibirán os amuletos protectores que os converterán en auténticos “Rescatadores de Auga Doce”.

ATA XUÑO

A actividade terá lugar todos os sábados desde o vindeiro 12 de abril e ata o 28 de xuño en dúas quendas: 11:30 e 17:30 horas. Ademais, durante a Semana Santa, o Museo Centro Gaiás acollerá ‘Os Rescatadores de Auga Doce’ todos os días, desde o martes 14 ao domingo 20 de abril no mesmo horario.

O custo da entrada para os adultos é o mesmo da exposición aínda que é preciso reservar previamente en www.cidadedacultura.org e abonar o prezo ao comezo da visita. Trátase doutra forma de coñecer ‘Auga Doce’ e de pasar un sábado diferente en familia ao tempo que se toma conciencia dos problemas que afectan ao medio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar