O Cluster do Turismo impulsará ao sector

Feijóo_Cluster Turismo de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que a creación do Clúster de Turismo de Galicia contribuirá decisivamente a afrontar con éxito os desafíos de innovación e internacionalización que ten ante si o sector. Durante a Asemblea Xeral do organismo que aglutina os intereses e as inquedanzas dos axentes implicados nesta actividade, o mandatario autonómico afirmou que esta estrutura é “o instrumento axeitado para poñer en marcha os proxectos máis ambiciosos e co maior alcance temporal e financeiro”.

Na súa intervención, o titular da Xunta celebrou a decisión dos profesionais do turismo de constituír un ente sectorial que expresase cunha soa voz as súas necesidades e trazase unha liña estratéxica común e traballar de forma aliada coa Administración. Segundo dixo, xuntos é posible marcar obxectivos e deseñar liñas de acción, e sinalou a innovación, a profesionalización e a internacionalización como grandes retos do turismo galego, engadindo que a constitución do Clúster de Turismo de Galicia contribuirá a afrontalos con éxito.

 

Para o mandatario autonómico, Galicia posúe vantaxes comparativas con respecto a outros destinos turísticos e o cometido do Clúster é conseguir convertelas en vantaxes competitivas e incrementar o número de visitantes á comunidade en 2013.

 

O titular da Xunta afirmou que era necesario dotar o turismo dunha organización similar á que xa existe en todos os grandes sectores estratéxicos do tecido produtivo, posto que esta actividade representa máis do 10% do noso PIB e proporciona arredor do 11% do emprego autonómico, ao tempo que é un dos terreos con maior capacidade para dinamizar a economía, para impulsar a recuperación e para favorecer o equilibrio territorial. Pero, sobre todo, Feijóo apuntou a que “en poucos sectores é tan necesaria a cooperación como no turismo; en poucos cómpre tan claramente abordar os constantes desafíos desde unha perspectiva conxunta e global”.

 

A ese respecto, Feijóo defendeu a necesidade da creación do Clúster de Turismo de Galicia porque atraer visitantes a Galicia é “unha misión colectiva” que implica desde ás axencias de viaxes ás empresas e transporte; desde os mellores hoteis e restaurantes de prestixio ás pensións, os cámpings, os albergues e as cafeterías; desde os encargados de velar polo patrimonio natural e artístico aos promotores de eventos culturais e deportivos; e desde as administracións públicas aos emprendedores e a aqueles capaces de proporcionar solucións e ideas innovadoras.

 

Segundo dixo, o clúster é “a fórmula axeitada para sumar esforzos e para compartir metas, para aproveitar sinerxías e para impulsar melloras”, un obxectivo que se reflicte na propia composición do órgano, na que se integran máis de 40 entidades, incluíndo non só ás principais asociacións de empresarios estritamente turísticas, senón tamén firmas de servizos, as denominacións de orixe dos viños galegos, a Universidade de Santiago ou a Asociación de Palacios de Congresos de Galicia.

 

Por outra banda, o titular da Xunta indicou que o turismo galego precisaba unirse, ademais, para coordinar a variedade de recursos turísticos cos que conta –o Camiño de Santiago, o termalismo, a gastronomía, os viños, os recursos náuticos, as costas, os monumentos…-, e constitúen “poderosos atractivos”, pero que “se se unen, se se integran nunha oferta grande e singular, poden multiplicar o magnetismo de Galicia como destino”.

 

O presidente salientou que o obxectivo dun clúster non é frear a competencia senón, e sobre todo en turismo, “cooperar desde dentro para competir mellor fóra”. Nesa liña, sinalou que a unión era tamén necesaria porque o turismo é un negocio sometido a cada vez máis altas exixencias de competitividade, e o Clúster de Turismo de Galicia pode contribuír a que o sector adopte na comunidade “dinámicas renovadoras”, ao tempo que se moderniza e innova.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar