Detectáse perigo de invasión do visón americano en Galicia

Visón americano

A Consellería de Medio Ambiente analiza as posibles medidas a implantar para impedir a invasión do visón americano no territorio galego, ao tempo que se establecen pautas para facer compatible a actividade produtiva con esta especie invasora. Así o trasladou a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, nunha reunión extraordinaria do Observatorio galego da Biodiversidade, na que se tratou a repercusión que pode ocasionar no patrimonio natural a implantación de novas granxas de visón americano e estudar as posibles medidas a adoptar nas explotacións.

A solicitude de convocatovria formulouse a través da Sociedade Galega de Historia Natural para tratar a repercusión da implantación de granxas de visón americano en Galicia. Tellado Barcia manifestoulles que se analizarán e poñerán en coñecemento do sector produtor peleteiro unha batería de medidas relacionadas coa seguridade nas granxas, que impidan o avance da especie invasora en todo o territorio galego, dado o impacto que a especie está a ter sobre outras especies ameazadas en Galicia. A directora xeral considerou que o primeiro paso debe ser establecer un diagnóstico da situación actual en relación á produción de pel de visón en Galicia, a súa expansión e viabilidade.

Outro dos temas que se abordou neste encontro, o segundo en menos de catro meses, foi a necesidade de realizar unha análise do impacto e da presión cinexética sobre as poboacións reprodutoras de agachadiza común (Gallinago gallinago) e avefría europea (Vallenus vallenus), especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas como en perigo de extinción en Galicia. Avanzoulles que se trasladará aos membros do Consello Galego de Caza unha proposta sobre a xestión cinexética destas dúas especies de cara a ser recollida na Orde de vedas para a tempada 2014-2015.

O Observatorio Galego da Biodiversidade creouse ao amparo do Decreto 260/2007, do 13 de decembro, como órgano colexiado de consulta e asesoramento en materia da biodiversidade de Galicia adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Entre as súas funcións están a de prestar apoio na inventariación, análise e interpretación dos datos sobre o estado da biodiversidade en Galicia; asesorar á Xunta na elaboración e seguimento dos indicadores de biodiversidade e no mantemento dun sistema de información sobre a súa evolución.

Tamén se encarga de informar, con carácter facultativo e non vinculante, sobre a catalogación, descatalogación e cambio de categoría de ameaza das especies de fauna e flora de Galicia no Catálogo galego de especies ameazadas; e dos plans de xestión de especies catalogadas e o seu desenvolvemento; así como emitir ditames en materia de conservación e protección das especies; e, en xeral, de subministrar información e prestar apoio e asesoramento en materia de conservación da variedade da vida en Galicia.


AUTORIZADA A CAZA DA CABRA MONTÉS

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, autorizará a caza da cabra montés no Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés, despois de constatar unha estable, crecente e constante evolución desta especie, que nos últimos anos ampliou progresivamente a súa área de distribución territorial.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza está a ultimar un plan de aproveitamento da cabra montés para a tempada de caza 2014- 2015, que se aprobarás nas vindeiras semanas.

Deste xeito, permitirase a captura entre os meses de outubro a xaneiro coas seguintes condicións: a modalidade de caza será o axexo, os exemplares serán previamente seleccionados polo persoal do Parque, a cota de captura máxima será de 13 exemplares. Deste total, 3 serán machos selectivos (aqueles que non se consideran viables para a reprodución ou que teñen algún defecto), 7 exemplares de trofeo (cumpriron coa súa función na poboación) e 3 femias en descaste, é dicir, que non teñen interese na poboación (aquelas que non se reproducen ou sexan vellas). Con esta limitación buscase establecer un escenario que permita a conservación e equilibrio da especie ao tempo que se busca a rendabilidade para esta zona.
A cabra montés (capra pyrenaica victoriae) é unha especie autóctona da Península Ibérica, que se extinguiu no Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés a finais do século XIX. Desde a década dos anos noventa, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza traballou en prol da súa recuperación; polo que no ano 1998 levouse a cabo a súa reintrodución, empregando exemplares procedentes do Parque Natural do Invernadoiro (orixinarios da Serra de Gredos en Ávila).

Dende o ano 2000 estase a realizar un seguimento da súa poboación mediante a participación de técnicos e vixilantes do Parque Natural Baixa Limia- Serra do Xurés e do Parque Natural Peneda- Gerês en Portugal. Este traballo conxunto deu como froitos avistar unha evolución positiva da poboación, polo que en 2013 se encargou un estudo á Universidade de Vigo para determinar o estado real.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar