Galicia pide en Bruxelas que a sua negativa demografía teña peso económico

Beatriz Mato_Bruxelas_1

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, en representación de Galicia, e xunto con outras cinco comunidades autónomas, demandou hoxe ante a Comisión Europea que se introduza o parámetro da demografía na execución dos fondos europeos 2014-2020.

Así o destacou hoxe a titular do departamento autonómico, tras unha xornada de traballo na que mantivo encontros en diversos estamentos da Unión Europea. A primeira hora da mañá, os representantes das seis comunidades autónomas tomaron parte nun encontro no Comité das rexións, xunto con outros territorios europeos. Mantiveron tamén unha xuntanza co comisario europeo de Emprego, Asuntos sociais e Inclusión, László Andor, así como con eurodeputados. Por último, reuníronse co embaixador representante permanente adxunto ante a UE, José Pascual Marco Martínez.

Na visita participaron as comunidades autónomas que tamén asinaron, o pasado mes de febreiro, a II Declaración institucional polo cambio demográfico: Asturias, Castela A Mancha, Aragón, Castela e León, Estremadura e Galicia. Estes territorios están tamén integrados na Rede europea de rexións con desafíos demográficos.

O obxectivo desta xornada de traballo foi abordar o problema demográfico, que xa está a afectar a moitas rexións españolas e europeas. En concreto, recordou Mato, segundo as últimas proxeccións do Instituto Nacional de Estatística (INE) España perderá progresivamente habitantes nas próximas décadas. Dentro desta tendencia nacional, as seis comunidades autónomas que se desprazaron hoxe a Bruxelas son as que “peores perspectivas” teñen, xa que o seu saldo vexetativo e a taxa de natalidade están por debaixo da media española.

Aínda así, Mato precisou que non se trata dun “problema exclusivo” de España, senón que a Unión Europea (UE) tamén está enfrontando ás consecuencias da crise demográfica. Segundo o informe Rexións 2020, ao redor dun terzo das rexións europeas rexistrarán, no prazo de seis anos, un descenso da poboación. Polo tanto, este é un dos principais retos que a medio e longo prazo “deben afrontar as autoridades da UE”.

Ante esta situación, Galicia, e as outras cinco comunidades autónomas, abordaron co comisario europeo a posibilidade de introducir o obxectivo de loita contra a crise demográfica na revisión que se vai acometer nos próximos meses da Estratexia Europa 2020. Neste sentido, Andor recordou a especial relevancia de que as rexións participen na actualización deste plan, dado que será a nova Comisión Europea, saída das eleccións do próximo mes de maio, a encargada de executalo.

Solicitaron, ademais, que se teña en conta a diversidade dos problemas demográficos que afrontan as distintas rexións na definición de “zonas con desvantaxes naturais ou demográficas graves e permanentes”.

En materia de financiamento, concretaron a súa petición en dous núcleos fundamentais: que o cambio demográfico sexa incluído como un criterio na execución de todos os programas de financiamento comunitario no período 2014-2020; e que os criterios poboacionais pesen con maior forza no deseño das novas políticas, especialmente na rexional e de desenvolvemento rural, durante o debate sobre o seguinte período financeiro 2020-2027. A finalidade é conseguir dotar ás zonas máis afectadas por esta situación dun orzamento e de instrumentos específicos.

Estas peticións a nivel europeo súmanse ás xa demandas xa presentadas a nivel nacional tras a reunión de Zaragoza do pasado mes de febreiro. Alí estas seis comunidades autónomas fixeron fincapé na necesidade de acadar un Pacto de estado en materia demográfica, de crear un grupo de traballo no Ministerio, e de elaborar unha estratexia nacional neste sentido.

No que se refire á xuntanza mantida no seo do Comité das Rexións, no que participaron tamén rexións de Alemaña, Finlandia, Lituania, Suecia e Polonia, valorouse especialmente a oportunidade de continuar con este tipo de encontros de forma periódica co obxectivo de aplicar aquelas iniciativas que teñan dado bos resultados nas diferentes rexións europeas.

PLAN DEMOGRÁFICO

Ademais da implicación do resto de institucións, Galicia xa está tomando as medidas que están na súa man para facer fronte ao problema, sinalou Mato. Deste xeito, impulsouse de forma pioneira o primeiro Plan de dinamización demográfica da historia da autonomía, composto por un total de 69 medidas.

Entre os seus eixos, Mato destacou especialmente o da sensibilización, xa que “recoñecer o problema é o primeiro paso para resolvelo”; e o das políticas de familia, no que se inclúen desde incentivos á natalidade a accións dirixidas á conciliación da vida laboral, persoal e familiar.

Neste sentido, recordou que Galicia ten aumentado nun 61 por cento as prazas de escolas infantís desde 2009, e que neste curso empezarase a ampliar a exención de pago da matrícula do segundo fillo nas escolas infantís. Ademais, xa se están desenvolvendo novas medidas como as casas-niño, ou o servizo de axuda no fogar para a infancia.

Xa por último, e en canto aos incentivos, Mato lembrou que este ano increméntase nun 20 por cento a dedución fiscal por nacemento.
Sons relacionados

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar