Abre as suas portas o albergue de peregrinos de Ourense

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, dependente de Turismo de Galicia, ven de asumir a xestión directa do albergue de Ourense unha vez finalizado o convenio para a xestión establecido entre a entidade municipal e o Xacobeo dende 2009.

Previamente á súa reapertura, o Xacobeo realizou labores de revisión de funcionamento da instalación eléctrica; de revisión de funcionamento das instalacións de fontanería e saneamento; de pintado de paramentos, así como tarefas de desinsectación e fumigación, que se realizan periodicamente en todos os albergues da rede para garantir a seguridade e hixiene dos mesmos.

De igual modo, realizáronse labores de limpeza e acondicionamento das estancias para a súa apertura, que se producirá hoxe no horario habitual de todos os albergues da rede, as 13.00 horas.

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo realiza de xeito periódico en todos os albergues da rede labores de desinstectación e de reparación e acondicionamento, para o que publica avisos na propia páxina web da sociedade así como nos albergues da ruta anteriores a aquel no que se estean a efectuar traballos, co obxecto de informar puntualmente aos peregrinos sobre a dispoñibilidade das instalacións da rede.

A rede pública de albergues do Xacobeo conta con 69 albergues e con 3.278 prazas. Concretamente na Vía da Prata sitúanse doce albergues dentro da rede pública, nove deles na provincia de Ourense e tres establecementos na provincia de Pontevedra.Ademais do de Ourense, o Xacobeo xestiona directamente os albergues de Vilar de Barrio e Viladerrei. En cesión cos concellos xestiónanse os albergues de A Gudiña, Laza, Verín, Sandiás, Xunqueira de Ambía e Cea.

A Vía da Prata rexistrou nos albergues da rede pública en 2013 un total de 21.513 pernoitas. O albergue de Ourense rexistrou en 2013 un total de 3.953 pernoitas de peregrinos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar