Ferrol acolle o venres o concerto da soprano Ainhoa Arteta

Ainhoa Arteta

O Auditorio de Ferrol acollerá o vindeiro venres, día 4 de abril, o primeiro concerto na cidade da prestixiosa soprano Ainhoa Arteta, a cantante lírica española de maior proxección internacional na actualidade. Con motivo deste concerto, que ademais supón o inicio do ciclo “Ferrol en clave lírica” que tamén traerá ao Auditorio os barítonos Juan Jesús Rodríguez (14 de xuño) e Borja Quiza (18 de outubro), o Concello de Ferrol habilita un servizo de autobuses lanzadeira que farán o traxecto dende a praza de Galicia até o Auditorio.

O concelleiro de Cultura, Manuel-Reyes García Hurtado, informou hoxe que o público que asista este venres ao concerto de Ainhoa Arteta terá a súa disposición autobuses que sairán una hora antes do inicio do evento da praza de Galicia –a partir das 19.30 horas-; así como servizo de regreso dende o Auditorio até a praza de Galicia ao remate do concerto, a partir das 22.00 horas e até as 23.00 horas. Son autobuses gratuítos e os usuarios dos mesmos soamente terán que presentar a súa entrada.

A día de hoxe, o que será o único concerto de Ainhoa Arteta en Galicia leva vendidas cerca de 700 entradas; quedando soamente dispoñibles 210, segundo os datos facilitados esta mesma mañá polo despacho do Teatro Jofre, punto de venda. As persoas que desexen adquirir entradas de maneira anticipada poden facelo a través da páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (Apartado Axenda Cultura ou destacado de Programación Cultural); ou ben no propio despacho do Teatro Jofre. O prezo das entradas é de 15 euros.

Ainhoa Arteta, a grande cantante española dos nosos días, debuta en Ferrol semanas antes do seu próximo gran compromiso no Teatro Real de Madrid, a estrea da ópera “Los cuentos de Hoffmann” de Offenbach. A soprano cantará no Auditorio de Ferrol tralo seu recente éxito en Italia con “Tosca” de Puccini.

A intérprete tolosarra ofrecerá en Ferrol o seu único concerto programado en Galicia, cun recital no que ofrecerá un repaso polo mellor da canción lírica española con acompañamiento pianístico.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar