Os balnearios galegos contan coa maior parte das augas medicinais

 

Turismo termial_augas medicinais_2

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, o edificio docente Roberto Novoa Santos da USC acolleu  unha nova sesión dirixida a futuros facultativos expertos na cura termal. A responsable de impartir esta xornada foi a catedrática da Escola de Radioloxía e Medicina Física do departamento de Medicina da Facultade de Ciencias da Saúde da UDC, Rosa Meijide.

A doutora centrouse no valor das augas mineiromedicinais, na súa clasificación, nas diferentes técnicas de análise que existen, así como nos seus mecanismos de acción sobre o organismo. Sinala que as augas mineiromedicinais son as augas subterráneas que brotan e se utilizan terapeuticamente nos balnearios; unhas son medicinais por conter sales minerais en cantidades determinadas, algunhas por brotar quentes e outras conxugan ambas propiedades.

Pero Meijide explica que a súa principal característica é que posúen un gran “dinamismo físico-químico” que as diferenza da auga corrente ou da billa pola súa orixe nun xacemento subterráneo, con complexidade físico-química e biolóxica, estabilidade nas súas propiedades, un potencial terapéutico demostrado e certificado por Sanidade e a súa pureza microbiolóxica. “Hai estudos que derterminan que existen tipos de augas mineromedicinais cunha antigüidade que oscila entre o 5.000 e os 150.000 anos” –apunta a doutora–.

Ademais, as augas mineiromedicinais pódense clasificar segundo a súa mineralización, o contido aniónico ou catiónico ou pola temperatura. Para poder distinguir os distintos tipos de augas mineiromedicinais galegas, a doutora indica que hai que seguir a pauta da súa composición química e mineralóxica. Principalmente, en Galicia as augas mineiromedicinais son de mineralización débil, con predominio de bicarbonato sódico; abundancia de sulfuro de hidróxeno, ademais de ser augas moi brandas e cun alto contido en silicio e en fluoruros.

 

Turismo termial_augas medicinais_1

Meijide salienta que os beneficios da cura balnearia foron demostrados amplamente, polo que xa se considera a auga medicinal como un “medicamento natural” e as curas termais como complementarias das terapias farmacolóxicas e cirúrxicas, ademais da súa importancia na prevención de enfermidades. Neste punto, a especialista destaca a importancia de que os médicos de familia coñezan as características das augas dos balnearios da comunidade, co fin de poder prescribir aos seus pacientes as que mellor se adapten a cada patoloxía.

INDICACIÓNS TRATAMENTOS TERMAIS

Os balnearios galegos están especializados, na súa maioría, no tratamento de doenzas reumatolóxicas, dermatolóxicas, respiratorias e de trastornos hepatobiliares ou dixestivos e enfermidades gastroenterolóxicas. Así mesmo, están indicadas para abordar enfermidades cardiovasculares, renais, hepáticas, do sistema endocrino e mesmo trastornos de carácter psiquiátrico e situacións de agotamento, tensión ou estrés.

Pola contra, os tratamento termais están contraindicados para persoas con procesos tumorais malignos en fase activa, infeccións graves, insuficiencia cardíaca descompensada, accidentes cerebro-vasculares recentes, insuficiencia renal grave, esgotamento orgánico e tamén no caso de pacientes con enfemidades psiquiátricas graves.

CASE TODAS AS AUGAS MEDICINAIS

A doutora explica que existen oito tipos de augas mineiromedicinais en función do seu contido de elementos minerais, que lle outorgan certas propiedades con determinados efectos terapéuticos. Así, as bicarbonatadas son antiacedas, beneficiosas para o sistemas dixestivo, intestinal, hepático e renal, ademais de teren efectos metabólicos salientables. Pola súa parte, as augas cloruradas son antiinflamatorias, analxésicas e estimulan a cicatrización.

Por outro lado, as augas sulfatadas actúan sobre o aparato dixestivo e están indicadas para combater afeccións hepáticas, cunha notable acción laxante e diurética. As sulfuradas úsanse para tratar problemas respiratorios e afeccións alérxicas; destaca en particular a súa acción mucolítica, cicatrizante e antioxidante. Así mesmo se indican en afeccións reumáticas e dermatolóxicas debido ás interesantes accións farmacolóxicas do sulfuro de hidróxeno.

As augas carbogaseosas exercen un efecto sedante e analxésico, ao tempo que estimulan a motilidade intestinal. As augas ferruxinosas favorecen a rexeneración de glóbulos vermellos, polo que se empregan para combater determinadas anemias. Por último, as oligometálicas son diuréticas, de interese para tratar afeccións renais.

Nos balnearios galegos están representados todos estes tipos de augas, con excepción das sulfatadas. Na seguinte táboa recóllense as indicacións terapéuticas das augas mineiromedicinais de cada un dos 19 establecementos termais integrados na Asociación de Balnearios de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar