Novo servizo de Urxencias no Hospital da Coruña

Feijóo_Negreira_novo servizo urxencias CHUAC

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o novo servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) entrará en funcionamento neste mes de abril, unha vez que estean habilitadas as instalacións para comezar a recibir pacientes. Así o adiantou na visita que realizou esta mañá a esta área do centro hospitalario coruñés.

O mandatario galego explicou que esta reforma enmárcase dentro da segunda fase do Plan director do CHUAC, e precisou que o investimento nesta ampliación foi de preto de 8 millóns de euros.

Segundo asegurou, trátase dunha obra que “era necesaria” para poder atender mellor, e nun lugar dotado con maiores prestacións, as máis de 150.000 urxencias sanitarias anuais que rexistra este servizo. Ademais, sinalou que pon de manifesto que a Xunta cumpre os seus compromisos, neste caso concreto, coas máis de 500.000 persoas da área sanitaria da Coruña para as que este novo servizo era imprescindible.

Feijóo_novo servizo urxencias CHUAC
Feijóo detallou que estas novas instalacións do CHUAC multiplican por catro a superficie actual, ata os 4.000 m², o que permitirá axilizar e mellorar a atención ao paciente. Así, explicou que na área de primeiro contacto, triplícanse as salas de triaxe, onde se examina aos pacientes para determinar a súa gravidade, que pasan de unha a tres; e que, ademais, esta zona conta con catro consultas par altas.

De igual xeito, na área de primeira atención, indicou que se duplica o número de boxes de atención urxente, ao pasar dos dez actuais aos 21 (un deles para axitados). Avanzou, tamén, que esta zona dispón de catro boxes para pacientes críticos, cinco consultas rápidas, tres salas de procedementos (curas, xesos e séptico) e un baño asistido. No tocante ás dúas áreas de observación e resultados indicou que contan agora con 47 camas e unha sala con 50 sillóns para a espera de resultados.

Segundo afirmou, estas novas instalacións melloran o equipamento informático e tecnolóxico do anterior servizo, ao incluír unha unidade de radiodiagnose, da que actualmente non dispoñía, que terá unha sala TAC, dúas salas dixitais de raios e unha sala de ecografía. E, engaden, tamén, un quirófano máis para a área de Urxencias, que pasará a dispor de tres.

Neste punto, precisou que a ampliación do servizo de Urxencias do CHUAC é unha das actuacións máis destacadas do Plan director deste centro hospitalario: “Temos finalizados o servizo de anatomía patolóxica; estamos en plena execución do servizo de diagnose por imaxe; finalizamos o servizo de Urxencias e acabamos de empezar o bloque cirúrxico, onde se engadirán tres novos quirófanos aos 12 actuais. Así, este hospital incrementará o número de quirófanos nun 26 por cento”, dixo.

Feijóo adiantou que os quirófanos da área de Urxencias entrarán en funcionamento a finais deste verán e, ao respecto, explicou que actualmente este servizo dispón de dous no cuarto andar que seguirán en uso ata a posta en funcionamento dos novos, que irán situados no terceiro andar.

 

O presidente galego subliñou que esta é unha obra que evidencia a aposta do Goberno galego pola mellora dos servizos públicos esenciais, e que pon de manifesto que, “a pesar da crise económica, queremos seguir cumprindo os nosos compromisos coa sanidade pública de Galicia”. Isto tradúcese, dixo, en que a sanidade representa hoxe o 41 por cento do orzamento da Xunta; que o gasto por habitante en Galicia sexa superior á media do Sistema Nacional de Saúde, con preto de 1.230 euros; e en que dispoñamos de máis en mellores hospitais públicos.

“Estamos mellorando, ampliando, construíndo e renovando o parque hospitalario do Sergas: na primeira lexislatura finalizamos a construción e o equipamento completo do hospital público de Lugo; temos en marcha o maior hospital público en execución en España, o complexo hospitalario de Vigo que entregaremos antes de que remate esta lexislatura; estamos en obras do edificio hospitalario do complexo de Ourense, e os obxectivos inmediatos son ampliar o hospital do Salnés, o da Mariña e facer un novo hospital en Pontevedra”, dixo, logo de referirse, ademais, aos 15 novos centros de saúde comprometidos nesta lexislatura.

Nesta liña, Feijóo recoñeceu que ser unha comunidade que desde o inicio da crise blindou a sanidade como un servizo público e eficiente permítenos que sigamos mellorando as listas de espera, atendendo as enfermidades máis graves ou de prioridade 1 por debaixo dos 30 días (17), e as graves por debaixo dos 60 días (51).

O titular da Xunta concluíu asegurando que estamos ante unha obra complexa que levantamos co esforzo de toda a sociedade galega, porque unha sanidade pública e de calidade, dixo, conséguese grazas á responsabilidade mutua da Administración, xestionando con rigor e eficiencia o servizo de saúde de todos os galegos; e dos cidadáns, facendo un uso responsable dos seus recursos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar