Galicia como destino turístico accesible

 

Nava Castro_turismo accesible_portada

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, participou no Centro Vacacional da Lanzada no acto de entrega do material de accesibilidade dos recursos turísticos. Turismo de Galicia e mais a Deputación de Pontevedra colaboran para adaptar os areais ás necesidades das persoas con mobilidade reducida. Así, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e mais o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán realizaron a entrega de 390 pasareas, 2 cadeiras anfibias e 6 zonas de sombra para as praias de Bamio-Campanario, O Bao/Camaxe, A Lanzadda, Area da Cruz, Baltar, Silgar e Canelas.

No acto estiveron presentes tamén o alcalde do Grove, o alcalde da Illa de Arousa, o concelleiro de Servizos Xerais e Medioambiente de Sanxenxo e o concelleiro de Medioambiente e Servizos de Vilagarcía de Arousa.

O material supuxo un investimento de 56.056 euros. Esta adquisición inclúese nun convenio máis amplo que comprende ademais traballos de eliminación de barreiras de acceso en edificios e espazos de interese turístico cuxo investimento supera os 300 mil euros.

Nava Castro_turismo accesible_1

 

Na súa intervención, Nava Castro destacou que Turismo de Galicia traballa para difundir a imaxe do destino como un territorio no que vivir experiencias singulares e no que atopar opcións para o lecer en calquera época do ano. O feito de que Galicia conte con 1.659 quilómetros de costa e con 863 praias e que sexa a comunidade con máis estacións náuticas distinguidas con Q de Calidade Turística e a comunidade con máis Bandeiras Azuis en areais e en portos supón, segundo resaltou a directora, unha batería de elementos diferenciais que proxectan a imaxe do noso destino asociado á calidade.

Segundo comentou, é por isto que, Turismo de Galicia, a través do Plan Integral de Turismo identifica entre os nosos retos o posicionamento de Galicia como marca e como destino diferencial, a consolidación de Galicia como destino multiexperiencial con oferta segmentada e desestacionalizadora; a concepción de Galicia como modelo europeo de turismo sostible e o afianzamento dun sector turístico innovador, competitivo, proactivo, coordinado e con visión internacional.

Nava Castro explicou que “ademais de potenciar os nosos valores específicos, temos que segmentar e priorizar os mercados emisores e optimizar as canles de promoción e comercialización do destino”. Segundo dixo, tendo en conta estas premisas, o Plan Integral de Turismo de Galicia recolle na liña estratéxica de Galicia como destino ambiental, social e economicamente sostible unha acción dirixida á posta en marcha do Programa Galicia Turismo Accesible, unha actuación que pretende darlle continuidade ao traballo iniciado coa guía de Aloxamentos accesibles.

O obxectivo é aglutinar todas as experiencias postas en marcha en diferentes destinos galegos e deseñar as novas accións para presentar unha oferta turística de turismo social apta para todas as persoas, con independencia da súa idade, discapacidade ou situación.

Nesta liña inclúese a realización dun Plan Director de Accesibilidade Turística, que , segundo explicou, estará listo no primeiro semestre de 2015.

“Galicia ten que traballar por ser un destino máis concienciado e mellor formado, tendo en conta os diferentes subsectores turísticos en atención ao cliente con discapacidades”, explicou Nava Castro. E engadiu que “é necesario traballar na mellora na accesibilidade das empresas turísticas galegas e no patrimonio natural e cultural”. “O incremento dos destinos accesibles en Galicia e da oferta turística accesible é primordial para conseguir ser un destino diferenciado, con oferta específica para todo tipo de segmentos e caracterizado pola atención de calidade ao viaxeiro”, explicou.

Nava Castro_turismo accesible_2

 

Incremento da cifra de viaxeiros e pernoitas en febreiro
Así, nos mes de febreiro, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística, os concellos da Ría de Arousa rexistraron un incremento na cifra de viaxeiros do 23,2%, a respecto do mesmo mes do ano pasado; e un aumento na cifra de pernoitas rexistradas de preto do 30% en comparación con febreiro de 2013 . Tamén medrou neste mes a estadía media un 5,5%.

No acumulado dos dous primeiros meses deste ano, a cifra de viaxeiros medrou un 22,2% e a de pernoitas un 26,4%, con respecto ao mesmo período do ano pasado. Tamén a estadía media subiu un 3,4% .

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar