Negreira anuncia a creacion dun centro de producción de deseño

Negreira, na antiga comandancia militar de obras, agora de titularidade municipal.
Negreira, na antiga comandancia militar de obras, agora de titularidade municipal.

O alcalde de A Coruña, Carlos Negreira, anunciou este sábado, durante a súa visita ás instalacións da Antiga Comandancia Militar de Obras, na avenida do Metrosidero –incorporadas recentemente ao patrimonio municipal–, o proxecto de adecuación e rehabilitación do terreo e as súas naves co obxectivo de converter este espazo en ‘Cidea’, un centro de produción de deseño.

«Un espazo para a produción e a promoción da nosa creación, porque estamos seguros de que A Coruña pode idear e porque queremos que o autor, o artista ou o creador idee A Coruña», destacou o alcalde.

Carlos Negreira explicou que, coa posta en marcha desta iniciativa, o goberno local cumpre cun dos seus compromisos electorais.

‘Cidea’, apuntou, engloba os proxectos de crear unha infraestrutura con espazos destinados a axentes das industrias culturais para elaborar e proxectar profesionais e produto con entidade propia, con talleres nos que traballar e exportar a excelencia creativa da cidade; e un laboratorio, «un proxecto de carácter programático que se encargaría de ordenar os piares creativos en colaboración cos distintos grupos e axentes da cidade». «É, ademais, unha mostra da aposta que o Concello realiza por inverter en cultura», incidiu.

Esta iniciativa enmárcase dentro dun dos proxectos definidos en ‘Coruña Futura como ‘Distrito Creativo» e que pretende facer da Cidade Vella e de Peixaría «un lugar para a creación, a expresión artística, a tecnoloxía, o coñecemento a innovación e o turismo».
PRIMEIRA FASE

Carlos Negreira explicou que o proxecto de acondicionamento e renovación destas instalacións é complexo porque afecta a unha parcela de máis de 5.000 metros cadrados e a un total de nove espazos situados en seis construcións, polo que os traballos se realizarán en tres fases.

Tal e como anunciou –tras realizar unha fase previa de demolición dalgunha nave en ruinas con elementos perigosos, limpeza, roza e desinfección–, este ano está previsto inverter un total de 200.000 euros no inicio da primeira fase que afectará ao acondicionamento parcial de seis espazos: salga de maquetas, sala de proxectos, aula de papel, aula dixital, aula de paisaxismo e aula de arquitectura.

«Supón unha superficie total de 949 metros cadrados útiles e tanto a licitación como a adxudicación dos traballos está prevista neste primeiro semestre do ano», informou.

Avanzou que, ademais de estes edificios, o proxecto contempla a adecuación, nas dous seguintes fases, de outros dous espazos polivalentes e do edificio racionalista, un lugar que albergará salas de ensaio e estudios para aluguer, radio, televisión, biblioteca, arquivo e outros servizos complementarios. O alcalde matizou que en abril se convocará un concurso de ideas para a renovación e acondicionamento destes tres últimos edificios.

Dixo, ademais, que durante esta primeira fase, tamén está previsto comezar a traballar con bolseiros en formación laboral para empezar a deseñar os elementos que ocuparán o complexo.

Negreira finalizou mostrando a súa satisfacción coa posta en marcha de ‘Cidea’: «A cultura é, sen dúbida, un dos potenciais da nosa cidade e queremos consolidalo dotándoo dunha estrutura sólida que ademais poida xerar riqueza, porque a cultura é, tamén, unha importante fonte de riqueza,» proclamou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar