A Axencia para a Modernización publica unha guía de boas prácticas para a liberación de documentos

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar a “Guía de boas prácticas para a Liberación de Publicacións da Xunta de Galicia” que explica as vantaxes de empregar tanto formatos abertos como licenzas libres nas publicacións elaboradas pola Xunta de Galicia.

A guía presentouse o pasado 26 de marzo, coincidindo co Día Internacional da liberdade Documentos (DFD), unha iniciativa a nivel mundial promovida pola Free Software Foundation Europe, que se celebra o derradeiro mércores do mes de marzo co obxectivo de chamar a atención sobre a importancia de conservar os documentos dixitais en formatos libres e estándares abertos. A guía está dispoñible na webs de imit.xunta.es e de mancomun.org no enlace http://www.mancomun.org/obteraxuda/documentosdereferencia/detalle/nova/guia-de-boas-practicas-para-a-publicacion-de-obras-documentais-da-xunta-de-galicia/

Así a Amtega uniuse aos actos e xornadas que se celebraron a nivel mundial e, concretamente na nosa Comunidade, da man de dúas asociacións de usuarios de software libre, GALPon e GPUL, nas universidades de Vigo e Coruña respectivamente, contribuíndo ao fomento e implantación dos estándares abertos na administración pública.

CONTIDO

Esta guía, recolle os resultados de diversas accións formativas dentro da Administración realizadas en 2013 de cara a fomentar a publicación baixo licenzas libres dos contidos editados pola Xunta de Galicia, así como a súa reutilización e difusión.

O documento incorpora recomendacións sobre sobre a xestión da propiedade intelectual no proceso desenvolvemento das obras, analiza os diferentes tipos de licenciamento mediante licenzas libres e finalmente inclúe recomendacións de formato e ferramentas en Software Libre para o traballo con documentos de texto, imaxes, vídeos e obras sonoras.

Coa difusión desta guía a Amtega quere contribuír a fomentar a difusión das vantaxes das licenzas copyleft e o concepto Cultura Libre no ámbito da administración publica, fomentando deste xeito a súa proliferación neste eido. Así mesmo, ponse a disposición doutras administracións para que poida ser reutilizada e mellorada.

A publicación desta guía únese ás outras dúas xornadas de difusión celebradas o pasado 26 de marzo en Galicia da man das asociacións GALPon e GPUL, a Xornada sobre a necesidade de liberar a documentación académica e de investigación na Universidade de Vigo e a Xornada conmemorativa do Document Freedom Day na Universidade de A Coruña respectivamente.

Así mesmo, a Amtega participou na mesa de debate organizada na Xornada sobre a necesidade de liberar a documentación académica e de investigación na Universidade de Vigo.

No ano 2011 a Xunta de Galicia xa participou tamén de forma activa na celebración do Día internacional da Liberdade dos Documentos, organizada pola comunidade de software libre de Galicia tamén na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo. Ese mesmo día publicábase a Guía que regula o uso dos estándares abertos nos documentos que se publican nas webs corporativas, declarando o uso de PDF ou ODF (Open Document Format) como formatos recomendados na publicación de documentos.

Ese mesmo ano, mediante o Decreto 201/2011 do 13 de outubro de 2011 polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómica de Galicia na Internet, indícase que “Os documentos e servizos da Administración electrónica que se poñan a disposición da cidadanía encontraranse, como mínimo, dispoñibles mediante estándares abertos.”

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar